O Partido Popular fixo valer a súa maioría absoluta para aplacar na reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego a petición do BNG de que comparecese o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dar explicacións no hemiciclo sobre dúas das cuestións que máis preocupan á cidadanía galega estes días: o colapso das Urxencias de diferentes hospitais do país e a súa xestión para facer fronte á vertedura de millóns de pellets de plástico no litoral galego.
En relación ao colapso sanitario, a viceportavoz do grupo parlamentario nacionalista, Olalla Rodil, censurou que haxa "imaxes como as que se viron nos corredores e que aquí ninguén explique nada" e Rueda estea "agochado". E a respecto do argumento do Goberno galego de que se debe ao pico anual de contaxios de gripe e outras enfermidades respiratorias, cuestionou: "Se todos os anos pasa o mesmo, por que non se activan os plans de continxencias?".
Tamén foi crítico na súa intervención o socialista Julio Torrado, que advertiu, valga a redundancia, que o problema de Urxencias "non é un problema de urxencias", senón de que "o sistema [sanitario] ten problemas". Torrado ligou a alta demanda nas Urxencias coa falta de citas dispoñíbeis en atención primaria. O PSdeG pedira tamén, sen éxito, a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Porén, o popular Alberto Pazos replicou que Galiza foi o territorio que chegou a este momento "cun nivel de vacinación máis alto" que o resto do Estado, e fixo fincapé nas medidas de prevención despregadas pola Xunta, como a propia vacinación aos menores de 6 anos.
A oposición, dixo Pazos, "confunde colapso e sobrecarga". Unha opinión que non comparte Rodil, que salientou que "non é o BNG" o que fala "mal" da sanidade galega, senón as e os cidadáns que "o viven en primeira persoa". "Nós non creamos alarma, a xente nos corredores alármase soa".
Crise dos pellets
A formación nacionalista tamén solicitou a comparecencia de Rueda por un segundo motivo, que explique os pasos dados polo seu Goberno para facer fronte á 'crise dos pellets'. Unha demanda rexeitada polo PP, que alega que xa estaba prevista a comparecencia esta sexta feira, a petición propia, da conselleira do Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez.