Crise dos pellets

A Xunta admite agora que coñeceu a vertedura dos pellets o 13 de decembro

Alfonso Vilares escúdase, con todo, en que descoñecían "de onde viñan" estes microplásticos.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares (dereita), nunha visita a unha praia de Porto do Son este pasado domingo. [Foto: Europa Press]
photo_camera O conselleiro do Mar, Alfonso Villares (esquerda), nunha visita a unha praia de Porto do Son este pasado domingo. [Foto: Europa Press]

A Xunta da Galiza leva unha semana defendendo que non tivo coñecemento da vertedura de pellets que segue a asolagar as praias de todo o país o 3 de xaneiro, cuestión pola que porfía en culpar o Goberno estatal da tardía resposta. Porén, hoxe, e logo de coñecerse unha carta remitida polo conselleiro Alfonso Vilares aos concellos afectados na que admitía que soubo da perda dos contedores do buque Toconao en decembro, o propio titular de Mar recoñeceu en declaracións aos medios, nunha visita á Confraría de Pescadores de Muxía, que o día 13 houbo un aviso á central de emerxencias do 112 e que se produciron comunicacións entre a Xunta e Concello de Ribeira —algo do que xa informou Nós Diario—.

Vilares alega, con todo, que se ben si sabían da vertedura "non se sabía de onde viñan", e insiste en que o Executivo español si dispuña desta información "a través de Portugal", pois a carga do barco caeu á altura de Viana do Castelo. O Goberno galego segue a confrontar con Moncloa e escúdase novamente en que a primeira "comunicación oficial" non chegou até o 3 de xaneiro, perante un correo electrónico remitido pola armadora do buque. "A partir de aí é cando nos poñemos a traballar cos Gardacostas, facendo vixilancia, axudando os concellos a limpar e estando en contacto co sector do mar", dixo.

Tamén cun ton pouco conciliador anunciou hoxe Alfonso Rueda a activación do nivel 2 de emerxencia do Camgal, ao que se resistiu durante semanas, logo de facelo o Goberno de Asturias ás poucas horas de recibir os primeiros plásticos nos seus areais. Faino, dixo o presidente galego, porque o Goberno español "exixe ese requisito", pois o propio plan dispón que a intervención de medios estatais require deste paso.

Desde o Goberno español responden de novo confirmando que si existiu unha comunicación telefónica o 20 de decembro. O Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) de Fisterra informaba da caída dos colectores do buque Toconao como orixe dos pellets que comezaban a aparecer nas praias galegas, algo que tamén admitía o propio conselleiro Vilares na carta remitida aos concellos. Desde a Xunta, porén, din que esta non foi unha canle "oficial" para comunicalo —por tratarse dunha mensaxe de WhatsApp— e consideran, por tanto, que non se puideron dar por enterados.

Comentarios