Por que o CIS xa non pregunta pola monarquía? "Non é relevante", defende o Goberno español

As últimas enquisas apuntan á preferencia da cidadanía residente no Estado español pola república.
O rei Felipe VI saudando o presidente Pedro Sánchez en presenza da raíña Letizia e a princesa Leonor no Palacio Real de Madrid, o pasado 12 de outubro. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O rei Felipe VI saudando o presidente Pedro Sánchez en presenza da raíña Letizia e a princesa Leonor no Palacio Real de Madrid, o pasado 12 de outubro. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O Goberno español defende que o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) non pregunte pola monarquía nos seus barómetros de opinión, como facía antano, e xustifícao en que as e os cidadáns non ven a Xefatura do Estado como un "problema para España nin para eles mesmos". O grupo no Congreso de Sumar, a través do deputado Nahuel González, dirixiu unha pregunta ao Goberno para saber por que o CIS non pide opinión á cidadanía sobre o funcionamento da monarquía nin sobre o apoio que tería a un réxime republicano.

Na súa resposta, recollida pola axencia Europa Press, o Executivo de Pedro Sánchez recalca que nunca se fixo unha serie de preguntas específicas sobre a monarquía, nin existe ningún modelo de cuestionario sobre iso, e por tanto tampouco hai períodos específicos nos que deba ou non preguntarse sobre a Coroa, se ben hai anos o CIS si preguntaba polo modelo preferido para designar o xefe de Estado.

O último dato é de 2015, cando o CIS incluíu unha pregunta para que as persoas enquisadas puxesen nota ás principais institucións do país. A lista encabezábana a Garda Civil, a Policía e as Forzas Armadas —as únicas que aprobaban—, e inmediatamente despois figuraban os medios de comunicación e a monarquía, que duplicaba a nota das Cortes, o Goberno, os sindicatos e os partidos políticos, que ficaban á cola.

Desde entón, diferentes medios de comunicación impulsaron dúas macroenquisas, unha en outubro de 2020 e outra no mesmo mes do ano seguinte, e ambas concluían co mesmo resultado: a maioría da poboación (case 40% de respostas afirmativas) prefire a república antes que a monarquía (31%).

Segundo explica Moncloa, o que si ten o CIS son as súas preguntas mensuais sobre os problemas do Estado español e os que persoalmente máis afectan o cidadán ou cidadá, e en ambos os casos as mencións á monarquía, aseguran desde o Goberno, "son irrelevantes".

Trátase de preguntas "abertas" nas que "os enquisados poden contestar o que libremente consideren, o que permite estimar a valoración que sobre a monarquía ten a sociedade española". "Cabe destacar que a monarquía non aparece entre os principais problemas de España", subliñan, alegando que "só apareceu citada nestas listaxes de preguntas por unha proporción moi pequena de enquisados".

Cos datos de novembro de 2023, "tan só 0,2% dos enquisados considera a monarquía como primeiro problema [do Estado español], un 0,5% como segundo problema e un 0,3% como terceiro problema". E cando se pregunta polos problemas que máis afectan persoalmente as e os entrevistados, a Xefatura do Estado "tan só é mencionada como segundo problema por un 0,1% e como terceiro problema por un 0,1% da poboación".

"No seu conxunto, a monarquía sitúase no posto número 38 de problemas principais de España e no posto 52 de problemas persoais dos enquisados", conclúe a resposta de Moncloa, que engade: "Non chega a 1% a porcentaxe dos enquisados que considera que a forma da Xefatura do Estado sexa un problema en España nestes momentos, o que indica que se trata dun aspecto pouco relevante para os españois".

Comentarios