A Galiza rexistra un feche dunha granxa de leite cada día

2022 foi un ano récord de facturación para as explotacións galegas de leite, por riba dos 1.500 millóns de euros. Malia ese resultado, o sector continúa a perder granxas de leite de maneira continuada. Foron 344 as que fecharon durante o exercicio 2022, o que representa case unha explotación menos cada día.
O feche de granxas continúa, mais a menor ritmo que en anos anteriores (Foto: A.S.).
photo_camera O feche de granxas continúa, mais a menor ritmo que en anos anteriores (Foto: A.S.).

En xaneiro de 2022 había na Galiza 6.361 explotacións de leite vacún, unha cifra que en decembro dese ano descendera até 6.017. En doce meses, 344 granxas leiteiras menos, a metade das que tivo que botar o fechamento nese mesmo período no conxunto do Estado español.

A cifra, porén, é menor que a rexistrada en exercicios anteriores, como 2020, onde o número de granxas que desapareceron foi de 370, ou en 2019, con máis de 400.

Máis do 80% do leite galego é recollido, transformado e comercializado por empresas de fóra da Galiza e 33% dese leite sae da Galiza sen ningunha transformación, sendo as empresas de fóra as máis beneficiadas polos baixos prezos que se pagan ás explotacións.

“Galiza fica, entón, como subministradora de leite para beneficio destas empresas”, reflexionaban desde a Federación Rural Galega a respecto da dificultade do sector agrogandeiro galego.

Prezo

No que respecta ao importe medio declarado por litro de leite, na Galiza era en decembro de 2022 de 0,58 euros, superior ao que rexistraba en xaneiro de 2022, 0,36. A escalada de prezos e a inflación fixo que o prezo do leite —como o de boa parte dos alimentos— rexistrase importantes incrementos. Porén, e malia ese aumento, o prezo que se paga polo leite aos gandeiros e gandeiras da Galiza é dos máis baixos de todo o Estado.

De feito, só supera ao que se lle abona ás explotacións das Illes Balears.

Os prezos son medidas ponderadas e non todos os produtores cobran  na Galiza. Así, e como denunciaban os sindicatos o pasado mes de xaneiro, as explotacións por baixo dos 200.000 quilos cobran unha media de 43 ou 44 céntimos por litro e as explotacións grandes, de máis dun millón de quilos, poden ter prezos por riba dos 60 céntimos.

O que implica que un de cada dous gandeiros galegos produce "a perdas".

Comentarios