A Xunta avanza unha bonificación do imposto do Patrimonio en 2023

O presidente da Xunta di que reducirá tributos.
O conselleiro de Facenda da Xunta da Galiza, Miguel Corgos. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Facenda da Xunta da Galiza, Miguel Corgos. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá a próxima semana no Parlamento galego para dar a coñecer as liñas estratéxicas dos orzamentos de 2023, antes de que cheguen á Cámara no mes de outubro e, nesa intervención, avanzará medidas impositivas das contas galegas para o vindeiro ano.

Segundo afirmou onte Rueda, priorizará nos orzamentos de 2023 unha redución de impostos, á vez que lembrou que a Xunta ten a súa propia "senda" na carga impositiva, incluído co imposto de patrimonio, actualmente bonificado nun 25%.

"Está no ADN dos gobernos do PP", sinalou, ao ser preguntado polos medios polo anuncio do presidente de Andalucía, Juanma Moreno, de suprimir o imposto sobre o patrimonio. Rueda lembrou que baixo o Goberno do PP xa se eliminou o imposto de sucesións e que a intención é "seguir baixando". 

Prazas no Sergas

A comparecencia de Rueda dará paso a outras cuestións a tratar nesta sesión. O Parlamento acollerá o debate de dous textos lexislativos. O primeiro está promovido pola Xunta e é unha modificación normativa para facilitar a provisión de postos de "difícil cobertura" no Servizo Galego de Saúde a través do método do concurso. Esta proposta suscitou as críticas da oposición pola forma na que chega á Cámara, xa que o fai por unha vía de urxencia que, segundo Olalla Rodil (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG), non está xustificada. A outra das leis a debate será o proxecto de lei para a implantación de áreas empresariais na Galiza.

O BNG levará ao pleno a "pírrica" suba de 25 euros nas axudas para gastos escolares anunciada por Rueda "mentres paga palcos VIP aos amigos en concertos". Tamén exporá outros asuntos, como a petición para que a Xunta aumente o investimento en Atención Primaria ou a articulación de axudas a vivenda. Pola súa parte, o PSdeG pedirá unha comisión de investigación parlamentar sobre o "desvío" de 159 millóns de euros dos fondos Covid.

Comentarios