A Xerencia do Hospital de Vigo censura os cartaces que critican a asistencia

A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo vén de enviarlles unha circular a todos os xefes e xefas de servizo e de unidade e aos supervisores e supervisoras na que se lles advirte que expedientará os traballadores e traballadoras, e os seus superiores, que colguen cartaces que cuestionan a asistencia no novo hospital.

Hospital Álvaro Cunqueiro, Vigo
photo_camera Álvaro Cunqueiro

Félix Rubial, xerente dos hospitais e centros de saúde da área sanitaria de Vigo que dependen do Sergas, vén de emitirlles unha circular a todos os xefes e xefas de servizo e de unidade e a todos os supervisores e supervisoras nas que lles advirte da prohibición de colocar cartaces que cuestionen a calidade asistencial que se presta no novo hospital.

No escrito, ao que tivo acceso Sermos Galiza, o alto cargo do Sergas explica que obrigará a retirar todas as notas que alertan sobre o deficiente funcionamento do novo hospital e sinala que os traballadores e traballadoras que exhiban e difundan –ben no centro, ben a través de medios informáticos (polo medo a que se espalle nas redes sociais)-, esa información poden “incorrer en responsabilidade administrativa”.

“Os responsábeis de unidades que manteñan exposta a mesma” –en alusión á información contraria aos intereses do Sergas- tamén son advertidos pola Xerencia na circular, que fai alusión ao Estatuto Marco que contempla a apertura de expedientes por razóns disciplinarias contra os traballadores e traballadoras da sanidade.

O xerente sinala que os cartaces infunden "temor, alarma e desconfianza"

O alto cargo da Consellaría de Sanidade indica que os cartaces infunden “temor, alarma e desconfianza entre os usuarios e familiares sobre a asistencia sanitaria que se presta neste centro”. Engade que “pode vulnerar o dereito da debida protección da saúde, que debe ser garantida por lei”.

Desde que abriu, o novo hospital de Vigo exhibe en diferentes áreas notas informativas dos propios traballadores e traballadoras da sanidade pública en que sinalan que o persoal non pode garantir a calidade na atención por mor da falta de persoal. Outros cartaces tamén informan as persoas usuarias das deficiencias e eivas deste novo centro hospitalario que provocou a destitución da conselleira de Sanidade Rocío Mosquera.

Ccw4zjbWAAATtOU

Comentarios