VOCES DE CAMPAÑA / NOA PRESAS

"Vou achegar a vontade e capacidade de traballo que ten o nacionalismo como proxecto colectivo"

A número 1 da lista de Nós-Candidatura Galega por Ourense defende a necesidade dunha voz galega no Congreso, pero tamén da xente nova e das mulleres como protagonistas dun cambio político. 

Noa Presas (Imaxe: Nós)


Como decides dar o paso á primeira liña da política?

Tocoume asumir o que levaba moito tempo defendendo. Que era necesario que as persoas máis novas e as mulleres sexamos as protagonistas directamente da acción política. Era tempo de dar un paso adiante e decidín facelo.

Que pode aportar Noa Presa como deputada?

Por un lado a vontade e capacidade de traballo que ten o nacionalismo como proxecto colectivo, porque estaría eu representando, pero tería detrás o apoio de quen foi capaz de defender a Galiza durante máis de vinte anos no Congreso. E tamén porque pola miña experiencia coñezo os problemas de Ourense, os problemas da mocidade, que dependen precisamente de decisións que se toman no Estado.

"As políticas de PP e PSOE desmantelaron os servizos públicos e desertizaron o rural"

Onte tivemos un debate e a candidata do PSOE, por exemplo, que é inspectora de traballo, e dicía que ela mira cada día os problemas laborais. Pero é que eu os vivo en primeira persoa, como moza precaria. Por iso creo que temos que ter capacidade de decisión propia.

Boa parte das túas amizades fican na emigración. Como freala?

É fundamental investir en emprego. Como reactivamos a economía? Nós entendemos que cun modelo diferente ao que practicaron PP e PSOE, que se adicaron a desmantelar os servizos públicos. Defendemos que o orzamento público, o diñeiro de todos e todas, se invista en servizos públicos, para así xerar emprego na sanidade ou na educación. No caso de Ourense é fundamental. Se non lle das garantías á xente de que poida traballar aquí non se pode quedar. Iso para comezar. E despois apostar por unha mellora das condicións laborais; derrogar a reforma laboral e apostar por un marco propio onde decidamos as condicións dos nosos convenios.

Que medidas precisa Ourense?

"Propoñemos a derrogación da Lei de Montes e a xestión directa das axudas europeas en materia agraria"

Pois estamos sorprendidas porque nesta campaña o Partido Popular, que leva máis de trinta anos gobernando esta provincia, está todo o tempo falando de revitalizar o rural. O que está claro é que coas súas políticas o único que fixeron foi desertizalo. O fundamental no rural é dotalo de servizos públicos e emprender plans específicos pensados para aquí. Por iso propoñemos, por exemplo, a derrogación da Lei de Montes, porque está feita desde Madrid sen pensar na realidade do territorio. Propoñemos xestionar directamente as axudas da Unión Europea en materia agraria, para decidir nós desde aquí en que as investimos fronte a un reparto desigual que fai o Estado. Tamén reformar a fiscalidade da Lei de Montes, para que o aproveitamento poida ser máis directo. Apostar na produción de calidade e sustentábel co medio ambiente, para competir en calidade e non en cantidade, e así xerar postos de traballo para que a xente se poida quedar no rural. Xa hai probas nalgúns concellos co viño ou as castañas. 

Es a cabeza de lista máis coñecida segundo as enquisas. Velo como unha boa sinal?

Espero que si, porque realmente é complicado para unha forza nacionalista como a nosa que é ocultada sistematicamente de todos os debates televisivos, que se centran só en Madrid. É moi complicado darnos a coñecer. Por iso espero que sexa unha boa sinal para o nacionalismo, para que vaiamos tendo máis voces públicas, e sexa máis sinxelo que chegue a nosa mensaxe. De todos modos, nós seguiremos traballando para que o proxecto no seu conxunto sexa colectivo.

Porén, sería a primeira vez que o nacionalismo consegue un escano na provincia.

"En Ourense é especialmente importante que sexamos as mulleres as que lideremos o cambio da política, logo do caso Baltar"

Que ningunha forza agás o PP e PSOE tivesen representación fixo que a provincia de Ourense estivese ausente. Sempre que se falou dela foi grazas ás deputadas nacionalistas de outras circunscricións. E nós demandamos un cambio para que outras identidades e colectivos sexamos as protagonistas da acción política, porque está claro que eles só fixeron empobrecer máis á provincia e facer que lideremos as estatísticas da cola, da cola do emprego, da cola da capacidade de quedarse aquí... Sería fantástico ter esa oportunidade. En Ourense é especialmente importante que sexamos as mulleres as que lideremos esa transformación da política. E máis visto o caciquismo do Partido Popular e os últimos acontecementos co caso Baltar. É hora de que esta xente se retire, porque non nos representan, e moito menos ás mulleres. 

Comentarios