Villares salva a portavocía única con 241 apoios fronte a 209 votos críticos

En Marea continuará a ter un único portavoz orgánico, Luís Villares. Na votación de maior alcance do plenario, a emenda de Recuperar En Marea apenas alcanzou 209 apoios, fronte aos 241 votos que respaldaron a opción do relatorio oficial. Decae, por tanto, a portavocía colexiada, paritaria e rotatoria que defendían Anova, Podemos Galicia, Esquerda Unida e a Marea Atlántica do ausente Xulio Ferreiro.

comisao
photo_camera Aspecto do plenario, que na sesión de tarde non se desenvolve na sala principal do Pazo de Congresos

241 votos a favor da continuidade dunha única portavocía para En Marea (a de Luís Villares). 209 a prol dunha portavocía colexiada, paritaria e rotatoria, a se renovar cada seis meses. Ese é o resultado da votación chave deste plenario. A medición das forzas de cada un dos segmentos organizados deita un score de 53,5 por cento contra 46,5 por cento.

Villares salva a súa lideranza, mais faino de forma axustada e nun plenario claramente marcado pola baixa participación, a inferior de todas as citas asembleares da confluencia. En realidade, o grupo dirixente só ten o apoio declarado de 10 por cento do censo de inscritos e inscritas (241 votos face 2.400 persoas con direito a participar). En todo caso, Villares gaña algo moi importante en política, tempo, e pode preparar os seguintes embates desde a lexitimidade que lle dá ter gañado este pulso.

No debate da súa emenda á totalidade ás teses organizativas, a corrente crítica reiterou o seu coñecido argumento de que a portavocía de Villares non é tal, senón que na práctica é "unha secretaría xeral", do mesmo modo que o "partido instrumental" -a fórmula xurídica en que se ten materializado a confluencia- non sería tal e si un "partido máis".

Por súa parte, o grupo dirixente argüíu, por boca da viceportavoz Ana Seijas, que a actual Coordenadora (Executiva) se limita a executar as funcións e as orientacións políticas deseñadas polo Consello (máximo órgao entre plenarios), de xeito que en ningún caso se pode asimilar a portavocía a unha secretaría xeral.

Seijas razoou que a portavocía actual xa é paritaria ("temos dúas viceportavocías") e colexiadas (o funcionamento sería horizontal e non hierárquico). Ao único que non lle vía sentido era a incorporar unha rotación pautada cada seis meses. A incorporación dese criterio tería suposto a saída de Villares da dirección. O ex xuíz evítaa cunha vitoria orgánica que en parte cabía agardar após unha parte considerábel do conglomerado opositor (Esquerda Unida e Podemos Galicia) ter feito un chamado explícito a non participar na asemblea.

Comentarios