O plenario de En Marea respalda o relatorio oficial con 253 votos fronte 215

O documento político de Recuperar En Marea -emenda á totalidade ao relatorio oficial- foi rexeitado polo plenario ao obter apenas 215 votos face aos 253 sufraxios da maioría villarista. A tónica continúa a ser a baixa participación no plenario (tiñan dereito a participar por volta de 2.400 persoas), inducida por Esquerda Unida e Podemos Galicia, que chamaron ao boicote.

IMG-20170715-WA0002
photo_camera Villares e Beiras.

Era ben difícil que Recuperar En Marea puidese gañar as votacións neste plenario sendo que parte dos seus componentes básicos -Podemos e Esquerda Unida- chamaron ao boicote activo do conclave e tendo en conta que algúns dos maiores referentes críticos -Xulio Ferreiro e Martiño Noriega- nen sequera se deixaron ver na sesión matutina.

Así as cousas, o documento político de REM alternativo ao oficial foi rexeitado ao obter só 46 por cento dos votos emitidos no plenario. Villares ofereceu esta sexta feira integrar esas teses no relatorio da dirección, mais a corrente crítica optou por levar o pulso até o final. Os votos en contra derrotaron os textos de REM co 54 por cento dos sufraxios.

Derrotada a emenda, o plenario submeteu a votación o conxunto do relatorio oficial, que foi aprobado con 255 votos a prol, 194 en contra e 11 abstencións.

Na súa intervención de defensa das teses oficiais, Luís Villares advogou por "unha fronte ampla das esquerdas para apartar o PP cun espazo no que esteamos todas".

A sesión matutina -que se está a desenvolver cun retraso de por volta de dúas horas sobre a orde do día programada- estivo marcada polas ausencias, o que deu máis resalte a unha presenza, a de Xosé Manuel Beiras, que compareceu perante o plenario de mans dadas con Luís Villares.

En declaracións á imprensa, Beiras defendeu que non se pode entender este plenario "en termos de confrontación polo poder".

A incógnita agora está en saber se a afluencia de inscritos e inscritas aumentará na sesión de tarde, no momento en que se submeta a votación o documento organizativo e, portanto, a emenda crítica que pide o estabelecimento dunha portavocía colexiada e rotatoria alternativa á que actualmente ostenta Luís Villares.

Comentarios