Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, ausentes na sesión matutina

57 por cento apoia o balanzo de xestión do Consello de En Marea

425 votos emitidos: 243 a prol da rendición de contas -realizada perante o plenario por Gonzalo Rodríguez-, 162 en contra e 20 abstencións. Os críticos utilizaron como argumento para desgastar o grupo dirixente a escasa asistencia ao conclave en comparación coas citas anteriores (Vigo, xullo de 2016; Compostela, decembro de 2016). Por outro lado, Villares e Beiras brindaron a foto do plenario ao chegaren xuntos ao Pazo de Congresos. Brillaron pola súa ausencia nesta sesión matutina os alcaldes de A Coruña e Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Si estivo o de Ferrol, Jorge Suárez.

IMG-20170715-WA0002
photo_camera Villares e Beiras, na chegada á sala principal do Pazo de Congresos

Con 57,1 por cento dos votos emitidos o grupo dirixente conseguiu a luz verde do plenario á rendición de contas, ao balanzo de xestión formulado polo Consello das Mareas, o máximo órgao da organización entre asembleas. 

A corrente crítica só obtivo desta volta 38,1 por cento dos apoios, en tanto que as abstencións supuxeron 4,7 por cento.

Na súa intervención por parte da dirección, Gonzalo Rodríguez reiterou a vontade de integración mostrada pola maioría villarista e nese sentido lembrou a oferta de ampliar de 11 a 15 membros o número de integrantes da Coordenadora (Executiva), proposta rexeitada polos segmentos críticos.

Por parte de Recuperar en Marea púxose o acento no debate en que na evolución da confluencia se tería producido un desvío a respeito dos acordos do plenario fundacional de Vigo e, nese sentido, argumentouse que o descenso na participación nos conclaves mostraba até que ponto o actual grupo dirixente non é quen de conciliar as diferenzas entre os distingos blocos organizados.


Talvez para mostrar desexo de integración, a imaxe da mañá oferecérona Villares e Beiras -este sen dúbida o maior activo simbólico da confluencia- ao chegaren xuntos ao plenario.

Máis en POLÍTICA
Comentarios