Villares oferécese para liderar En Marea, mais a confluencia non vai elixir cargos unipersoais

Villares non toma nota de dúas cousas nas vésperas do Plenario da Marea deste 17D. Primeiro, que hai un amplo sector que non o quer como candidato nas primarias ao advogar por que os cargos institucionais sexan incompatíbeis cos orgánicos. Segundo, que na asemblea da Marea non se vai elixir nengún cargo de carácter unipersoal, senón só un órgao de dirección colexiado.

Luís Villares_NósTV
photo_camera Luís Villares [Foto: Nós TV]

Esta sexta feira, Luís Villares -a quen comezan a lle pór a proa desde a Marea Atlántica até Unidos Podemos- mostraba a súa disponibilidade a liderar a confluencia -isto é, a encabezar unha candidatura nas primarias de xaneiro- na eventualidade de que a súa figura serva para “aunar posicións”, na esteira do consenso que lle permitiu no seu momento ser eleito candidato á presidencia da Xunta.

Ese consenso parece neste momento quimérico para o xuíz en excedencia. O debate previo ao Plenario deste 17 de decembro evidenciouno ao se pór sobre a mesa a existencia, na Coordenadora da Marea, dun amplo sector partidario dunha división de funcións entre o referente parlamentar (que ninguén polo momento cuestiona que continúe a ser Villares) e o orgánico. Mais o asunto non se limita só ao réxime de incompatibilidades: Esquerda Unida e Podemos, as forzas hexemónicas neste momento no seo da Marea, conseguiron impor a súa tese de que nas primarias se elixa só un órgao de carácter colexiado -o Consello da Marea- e non un órgao de carácter unipersoal. 

Dito doutro xeito, non está neste momento na axenda das correntes hexemónicas da confluencia a elección dunha secretaría xeral ou dun órgao homólogo. Non se albisca no horizonte un primus inter pares.

Non está neste momento na axenda das correntes hexemónicas da confluencia a elección dunha secretaría xeral ou dun órgao homólogo

Por se ficaban dúbidas ao respeito, esta sexta feira confirmaron esta perspectiva dous dirixentes de peso, o deputado da Marea no Congreso Antón Gómez Reino (Podemos) e o alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro. En declaracións á imprensa posteriores a un seu encontro para abordar asuntos da Coruña que podan ter traslación ao Congreso dos Deputados, quer Gómez Reino quer Xulio Ferreiro se posicionaron a prol do que chamaron “lideranzas compartidas”.

Ferreiro GReinoXulio Ferreiro -cuxo distanciamento de Villares é cada día máis notorio, embora fose o alcalde da Coruña un dos impulsores da candidatura á Xunta do actual portavoz parlamentar- foi máis lonxe do que Gómez Reino ao declarar que a tarefa básica da Asemblea de En Marea é a de decidir “que tipo de organización queremos” e non tanto falar “de persoas concretas”.

“A xente defende liderados compartillados e En Marea ten que dar resposta a esa demanda da sociedade”, dixo Gómez Reino, en tanto que Ferreiro anotou que “as lideranzas colectivas están no ADN da Marea e non deben interpretarse como unha loita polo poder, que non existe”.

Mesmo no debate sobre “que tipo de organización queremos”, as posicións de Luís Villares -co xuíz en excedencia apenas se aliñou Anova, e non toda- áchanse en franca minoría

Mais mesmo no debate sobre “que tipo de organización queremos”, as posicións de Luís Villares -co xuíz en excedencia apenas se aliñou Anova, e non toda- áchanse en franca minoría. O portavoz parlamentar preconizaba a disolución dos partidos no seo da plataforma e que esta tivese personalidade propia, que fose unha organización de afiliación individual. A xulgar polos textos a debate este 17D a cousa non vai a ir por aí en absoluto. As organizacións políticas manteñen o seu papel, non existen órgaos de carácter unipersoal -que loxicamente terían nunha organización tan plural unha función unificadora do discurso- e tampouco existe stricto senso a figura da persoa militante ou afiliado ao se apostar pola inscrición on line, isto é, polo modelo de participación política internética de persoas inscritas característica de Podemos.

Comentarios