O texto a debate no Plenario da Marea só se pode emendar se se apresentan 20 avais

O debate está aberto á cidadanía en xeral, mais as persoas inscritas só poderán optar a modificar o texto oficial se conseguen o apoio por escrito de 20 avalistas. O Plenario desta Asemblea de En Marea está axendado para este sábado.

Apresentación asemblea En Marea. Luís Villares. 9 decembro 2016
photo_camera Imaxe dun momento da apresentación da asemblea

Non existe a figura da persoa militante en En Marea, si nos partidos que a integran (Podemos, Esquerda Unida, Anova, Cerna...). E tampouco parece que vaia existir. A confluencia acompaña os pasos de Podemos e a figura alternativa á militante é a persoa inscrita. Calquera cidadán e cidadá, preenchendo un formulario por internet, pode participar no proceso.

Mais existe un condicionante: se a persoa inscrita quixese emendar o texto oficial -única forma de participación no debate e na conformación da vontade colectiva de En Marea- a súa tese alternativa debe ser avalada por outras 20 persoas inscritas.

Fontes da organización, consultadas por Sermos, consideraron "normal" o estabelecimento deste requisito, que probabelmente procura que non exista unha avalancha de emendas e, de paso, conxurar o risco de que desde posicións non afectas a En Marea -organizadas ou non- se trolee o proceso.

En todo caso, é evidente que resta hipóteses de participación ás persoas inscritas e favorece a formación de correntes, que ben podan xa estar organizadas nos partidos existentes no seo da plataforma ou se constitúan ad hoc para tomar parte no debate.

As emendas á totalidade do texto deben ir acompañadas dunha tese completa alternativa.

Case 900 persoas inscritas

Neste momento o número de persoas inscritas para participar nesta asemblea da Marea -que aprobará un Documento Político e elixirá o primeiro Consello das Mareas, o máximo órgao de dirección nacional- ascende a 880. As inscricións poden realizarse on line no portal medrando.enmarea.gal.

O Plenario en que se irá debater o documento político e se aprobará o regulamento das primarias vaise realizar este sábado 17 de decembro no salón de actos da Faculdade de Filoloxía da USC apartir das 10 horas.

O calendario do proceso ten estas datas básicas:

6 de decembro. Abertura do prazo de inscrición.

17D. Plenario en que se aproban texto político e regulamento.

10 de xaneiro. 10 horas. Apertura prazo de apresentación de candidaturas e do prazo para solicitar o voto telemático non presencial.

13X. 23.59 horas. Encerramento do prazo de apresentación de candidaturas.

17X. 00.00 horas. Comezo da campaña eleitoral.

19X. 23.59 horas. Remate do prazo para se inscribir no censo e ter direito a voto nas primarias e remate do prazo para solicitar o voto telemático.

21X. 9horas. Inicio da votación.

22X. 23.59 horas. Remate do período de votacións.

23X. Proclamación provisoria dos resultados e abertura dun prazo de 48 horas para eventualmente apresentar reclamacións.

25X. Proclamación definitiva dos resultados e das persoas integrantes do Consello das Mareas.

28X. Constitución do Consello das Mareas.
 

Comentarios