sábado 04/12/21
Plenario de En Marea

Villares: “Non queremos que ninguén dos que impulsaron este proxecto fique fóra”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, apelou á unidade na rolda de imprensa en que fixo balanzo do plenario que desenvolveu o partido durante a xornada do sábado. Así, chamou a “non perder ningún esforzo” e a que “ninguén dos que impulsaron” En Marea fique “fóra do proxecto”.

[Imaxe: En Marea] Luis Villares
[Imaxe: En Marea] Luis Villares

“Xuntos somos invencíbeis porque a xente premia a unidade”. Con estas palabras Luís Villares, portavoz de En Marea, facía un chamamento á cohesión na rolda de imprensa en que fixo balanzo do plenario que organizou a forza política ao longo do sábado. Insistiu en “non perder ningún esforzo” e dixo que “non queremos que ninguén dos que impulsaron este proxecto fiquen fóra”.

Villares referíase nestes termos a Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña; Martiño Noriega, alcalde de Compostela, e Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, que xa avanzaran que non asistirían á reunión marcada para hoxe. Unha cita en que En Marea estabeleceu a folla de rota de cara ás eleccións municipais de 2019.

O portavoz de En Marea fixo fincapé en que o partido sae moi reforzado e cohesionado do plenario e comunicoulle “unha mala noticia ao PP: que o seu tempo de contrabando chegou á súa fin”.

Coa ollada posta nas Deputacións

Na xornada do sábado, as persoas participantes aprobaron documentos relativos, entre outras cuestións, ao devalo demográfico e ás infraestruturas do país. Ademais, apostouse en desenvolver “fórmulas non invasivas que cooperen de xeito horizontal para que todo ese esforzo e traballo teña reflexo nas Deputacións provinciais, xa que, malia estar en contra, somos conscientes de que non se pode renunciar a estes orzamentos”.

Na xuntanza tamén se deu conta do espazo de En Marea no Congreso, co fin de mellorar e reforzar os lazos, segundo sinala o partido nunha nota de imprensa. Miguel Anxo Fernán-Vello, portavoz de En Marea no Congreso, e Francisco Casal, deputado no Parlamento, tomaron a palabra ao respecto para destacar os temas fundamentais tratados en ambas as cámaras: incendios, igualdade, pobreza enerxética, AP9, Lei de Depredación ou Angrois.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A autonomía da mareas locais

A viceportavoz de En Marea, Ana Seijas, foi a encargada de expor o documento relativo ás eleccións municipais de 2019, en que se puxo de manifesto a necesidade de que En Marea sexa “un espazo que vertebre a suma de esforzos para espallar o cambio que o municipalismo iniciou en 2015”.

Seijas destacou a “disposición no espazo político, respectando a autonomía das mareas locais, para favorecer a coordinación e cooperación dos actores do cambio, e ser o lugar de encontro de todas as que traballan a prol de recuperar a ilusión desde o local”.

O documento exposto por Seijas, que recolle a creación de grupos de traballo e mareas sectoriais de cara a presentación de propostas programáticas e a creación dun banco de ideas, foi aprobado por 197 votos a favor, ningún en contra e 6 abstencións, segundo informa En Marea.

Antes de encetar o plenario, na mañá do sábado, Xosé Manuel Beiras, compareceu diante dos medios, con Villares, para censurar a actitude dos parlamentares críticos coa dirección de En Marea.

Villares: “Non queremos que ninguén dos que impulsaron este proxecto fique fóra”
comentarios