Villares discursa perante pouco máis de 200 persoas na clausura do plenario

A xornada foi longa e o incumprimento dos horarios, abondo, mais a deserción do sector crítico -fuxida masiva- no discurso de clausura de Villares foi moi rechamante. O líder da confluencia falou para pouco máis de 200 persoas, máis ou menos o continxente que votou a prol do relatorio oficial. Polo Pazo do Congresos non compareceron en ningún momento nen Martiño Noriega, alcalde da cidade en que se realizou o plenario, nen Xulio Ferreiro. O boicote de Podemos Galicia e Esquerda Unida fixo efeito.

Screen Shot 2017-07-15 at 21.08.28
photo_camera Villares, na clasura do plenario

A estratexia do sector crítico -proxectar a imaxe dun Villares debilitado e aillado- foi levada até as últimas consecuencias. Nas últimas semanas foi moi elocuente o boicote de actores relevantes da confluencia ao plenario -primeiro Esquerda Unida e despois Podemos Galiza-, como tamén o expresivo silencio dalgúns referentes nas súas redes sociais. O último elo da cadea chegou na clasura do plenario. Ao discurso do portavoz do partido instrumental, Luís Villares, apenas asistiron por volta de 200 persoas, máis menos as que votaron a favor das teses oficiais. Poucos, mais fieis, até o ponto de se ouviren berros de "presidente", "presidente", cando o ex xuíz concluíu o seu discurso.

Screen Shot 2017-07-15 at 20.59.33As imaxes servidas pola propia organización através de Youtube mostraron un desalador aspecto da sala de reunións -xa non a principal do Pazo- en que se realizou a sesión de clausura, coa entonación do himno nacional galego a pór o ramo a este plenario.

A conclusión é que Villares dispón dunha maioría moi precaria na confluencia nunha asemblea marcada pola moi baixa participación, inferior á de decembro de 2016. Sobre o Pazo de Congresos pairou en todo momento a impresión de que o resultado do plenario tería sido moi distinto de teren pisado o acelerador os distintos componentes dos segmentos opositores ao villarismo.

No seu discurso, Villares enfatizou que "non hai nada que xustifique mirar para dentro" e que "hai un país fóra que nos pide contas", unha clara apelación a fuxir do confronto interno e saír á sociedade galego a dar solución aos seus problemas.

Comentarios