O vigués Rubén Pérez, ex líder da Marea, novo secretario de Estado de Mocidade e Infancia

Será a man dereita da ministra Sira Rego no recentemente creado departamento do novo Goberno de Pedro Sánchez.
Rubén Pérez encabeza a lista de Podemos-Marea de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Pérez encabezou a lista de Podemos-Marea de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O que fora candidato da lista de Podemos-Marea de Vigo ás eleccións municipais do pasado 28 de maio, Rubén Pérez, será a man dereita da ministra Sira Rego no recentemente creado Ministerio de Mocidade e Infancia como secretario de Estado da área homónima. Adiantouno esta terza feira a Cadena SER e confirmouno el mesmo agradecendo os parabéns do portavoz do PP local, Alfonso Marnotes, a través da rede social X.

O nomeamento de Pérez farase efectivo no Consello de Ministros desta cuarta feira, o primeiro do novo equipo que liderará durante a vindeira lexislatura Pedro Sánchez. Actualmente é o responsábel da área de Política Municipal na dirección federal de Izquierda Unida, e previamente exercera de secretario de Organización de Esquerda Unida na Galiza, con Yolanda Díaz á fronte da formación.

En 2015, como cabeza visíbel de EU na cidade olívica, foi un dos principais promotores da candidatura da Marea de Vigo, que obtivo tres representantes nunha corporación, igual que hoxe, marcada pola maioría absoluta do socialista Abel Caballero. Nas eleccións de 2019 revalidou a súa acta, mais a Marea perdeu un edil e quedou con dous. E nas deste ano ficou fóra do consistorio.

Rubén Pérez Correa (Vigo, 1977), é Licenciado en Historia pola USC e técnico especialista e posgrao en Loxística e Produción. Agora será un dos principais responsábeis, canda Sira Rego, de artellar un ministerio inexistente até o momento e que representará un sector da poboación ao que Yolanda Díaz e Sumar prometeron en campaña impulsar un bono para formación e emprendemento de até 20.000 euros.

Comentarios