Vence chama a "galeguizar o debate político"

O portavoz nacional do Bloque, que celebrou Consello Nacional, saúda a “revitalización da base social nacionalista” observada na campaña das europeas e considera "obxectivo prioritario ser a referencia do voto rebelde".

vence-crop
photo_camera Vence no consello do BNG.

O BNG celebrou este sábado Consello Nacional, logo do cal o seu portavoz nacional, Xavier Vence, valorou os resultados electorais das eleccións europeas, dos que identifica que “hai unha parte do electorado rebelde que debe ser obxectivo prioritario para o BNG á hora de establecer un diálogo coa cidadanía”.

Vence considera que en Galiza ficou clara “unha crise moi importante” do PP e PSOE, na que novas forzas como Podemos “foron capaces de conectar cun sector da cidadanía”, que “posibelmente se sente moi lonxe dos partidos políticos tradicionais” mais ten “unha vontade de mudar as cousas”. “No BNG cremos que moito dese electorado que se manifestou a favor de opcións políticas que non estaban no panorama anteriormente recolle, en parte, aspiracións que o BNG representa tamén”, sinalou. Por iso, Vence afirma que “ese electorado debe formar parte do obxectivo ao que se dirixe tamén a alternativa nacionalista”. “Ante esa cidadanía que é rebelde consideramos importante sermos capaces de que as súas aspiracións sexan plasmadas a través dun proxecto político galego”, argumentou.

"Hai que plasmar un proxecto político galego para a cidadanía rebelde", indicou o portavoz nacionalista

Vence engadiu que “non se trata tanto de facer diálogo por arriba entre siglas”, senón en “socializar” o proxecto nacionalista e de esquerdas, aínda que coa prioridade de “Galiza como centro”. Por iso, aposta por “estabelecer pontes que permitan converter ao BNG nunha alternativa de referencia para todos eses sectores”.

Resultados

Ademais, o líder da formación nacionalista cualificou os resultados electorais do Bloque -que baixou pero non se afundiu e obtivo representación en Bruxelas- como “un froito da revitalización da militancia, que fixo unha campaña dunha entrega absolutamente meritoria malia as dificultades”. “Isto evidencia unha revitalización tamén da base social nacionalista e un entusiasmo que se viviu ao longo da campaña, recuperando a ambición”, dixo.

“Os resultados non colman as aspiracións do BNG, que aspira a representar unha parte moito máis importante e significativa da sociedade, a ser unha forza maioritaria que marque de forma determinante o proxecto político deste país”, indicou Vence, que aínda así constatou a existencia dun voto de “rexeitamento” ás políticas da Troika, a dereita e a corrupción. “O BNG está tamén nese tipo de parámetros”, dixo, polo que agora aposta por “un proxecto nacionalista forte e potente que avance na galeguización das propostas e as alternativas”. “Hai unha importante españolización do debate político, con proxectos formulados desde o Estado”, indicou.

"Temos que abrir un diálogo franco con toda a cidadanía rebelde que está nunha posición contestataria, mesmo a que non votou"

Así as cousas, o BNG abrirá un “diálogo franco” con “toda a cidadanía rebelde” que “está nunha posición contestataria á orde existente, incluída a que non se expresou nas eleccións”. Aliás, Vence destacou que estas eleccións “reflicten unha crise do proxecto de UE, baseado na banca, así como un rexeitamento ao bipartidismo”. Por último, puxo en valor a maior representación no Parlamento Europeo de forzas de nacións “que aspiran a ser un Estado”, poñendo como exemplo “a presenza forte de Escocia, Cataluña ou Frandes”. "O dereito a decidir é algo que está correndo hoxe por toda Europa”, rematou.

Comentarios