Unanimidade na Cámara para defender as artes pesqueiras de fondo ante a UE

O Parlamento galego pide unha posición "de firmeza" ante Bruxelas.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Parlamento galego aprobou esta terza feira por unanimidade dos grupos unha iniciativa do BNG coa que se insta a Xunta da Galiza a demandar do Goberno estatal "unha posición de firmeza na defensa da frota pesqueira galega de artes de fondo".

Faino, segundo advirte a Cámara galega na iniciativa aprobada, "ante a inminente presentación dun plan de acción da Unión Europea" que,  baixo a premisa de "conservar os recursos pesqueiros e protexer os ecosistemas mariños", ameaza esta actividade pesqueira.

Para iso, a Cámara reclama a presentación de "consideracións á norma durante a súa tramitación que traten de evitar a prohibición e/ou limitación das artes de fondo nas augas comunitarias". Pide así mesmo trasladar "a esixencia" á UE de que "calquera medida que se adopte se basee en estudos científicos rigorosos e actualizados sobre o estado dos recursos, atendendo o impacto socioeconómico que podería causar e en diálogo co sector".

Compensacións

A proposición non de lei aprobada expón ademais que o Executivo español "articule as medidas de compensación económicas necesarias para paliar as consecuencias que xa está a ter o feche de 87 áreas de pesca ao sector pesqueiro galego de artes de fondo".

Tamén demanda á Xunta "que programe e leve a cabo un plan de actuacións políticas de acordo co sector pesqueiro e ante a Unión Europea e o Estado español para impedir que a futura posta en marcha do plan de acción de Bruxelas para conservar os recursos pesqueiros e protexer os ecosistemas mariños afecte a frota galega de artes de fondo".

Comentarios