A lexislatura pecha cunha CRTVG máis discutida que nunca

Após un ano daquela xornada histórica de folga na TVG contra a reforma da Lei de medios públicos de comunicación audiovisual, a televisión e radio públicas de Galiza seguen no punto de mira polo seu nesgo informativo e o control gobernamental.

Tres anos e medio de lexislatura deron ao Partido Popular na Xunta, para converter a radio e televisión públicas de Galiza nunha sociedade mercantil, reducir os seus orzamentos, abrir as portas ao capital privado e mesmo aplicar despedimentos colectivos no plantel de traballador@s.

A aprobación da nova Lei de medios públicos de comunicación audiovisual --reformada co visto e prace do PP e o PSOE e a oposición do BNG--, supuxo a fusión da RG e a TVG nunha única entidade con personalidade xurídica propia, a Corporación Radio Televisión de Galiza (CRTVG). O pacto entre as dúas fozas políticas maioritarias, foi duramente criticado polo Comité Interempresas que vía na reforma a 'privatizavión' da televisión e radio públicas, asemade da introdución dun importante 'control político na institución' a través do nomeamento pola maioría da Cámara --que nestes tres anos e medio de lexislatura estivo copada por unha única forza política, de dous terzos da dirección do ente, do seu director xeral e dos 6 membros do consello de administración.

O rexeitamento da norma, levou @s traballador@s da corporación a unha xornada de loita histórica --da que se cumpre un ano-- que tivo o seu centro de operacións na Praza do Toural (Compostela). Alá @s xornalistas reivindicaron os seus dereitos como profesionais da comunicación e o carácter público da CRTVG --de acordo co disposto no Estatuto de autonomía-- a través dun telexornal reivindicativo. Entre as súas principais demandas, a subrogación dos contratos para garantiren unhas condicións laborais dignas ou o mantemento da produción propia.

Porén, a reforma foi levada ao Parlamento e aprobada cos votos a favor do PP e PSOE. Pola súa banda, desde o BNG aseguraban que a nova norma consensuada polos dous grupos mencionados, reflectía a súa vontade de “privatizar e controlar politicamente” a CRTVG, polo que presentaran 85 emendas ao texto á fin de garantiren o carácter público da entidade, o abandono da súa dependencia institucional, a blindaxe da lingua galega nos medios e a salvagarda dos dereitos d@s traballador@s a través da subrogación dos contratos. Ningunha delas foi aprobada.

A televisión de tod@s @s galeg@s?

Numerosas foron as denuncias ao longo destes anos de lexislatura sobre a falta de imparcialidade amosada pola CRTVG, tanto na presentación das novas coma no tempo de exposición de distintas organizacións ou mobilizacións contrarias ás políticas do goberno galego. Na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego o 17 de maio de 2011, as persoas que enchían a praza do Obradoiro apuparon @s xornalistas e técnic@s da TVG por conectaren a emisión en directo cando se estaba a baleirar a praza na procura de evitaren dar conta das máis de 80.000 persoas que se congregaran na capital de Galiza en contra do decreto do plurilingüismo aprobado por Albero Núñez Feijóo.

Doutra banda, ese mesmo ano, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, denunciaba no seu blogue que a televisión pública intitulase unha nova sobre @s alcaldes-as do Partido Popular cun rótulo que rezaba 'Un proxecto de futuro para Galiza'. Segundo Callón, a TVG inducía entre as persoas espectadoras unha mensaxe tendenciosa.

Porén, foi en período electoral no que máis denuncias se rexistraron contra a 'manipulación informativa' da radio e televisión públicas de Galiza. Nos comicios do 20-N, o director da CRTVG, Sánchez Izquierdo, nomeaba a José Manuel Maseda –recoñecido simpatizante do Partido Popular-- responsábel do especial electoral. Con esta escolla, mantíñase á marxe @s presentadores que participaran da xornada de folga. Sánchez Izquierdo cuestionaba --invocando o libro de estilo da BBC-- que “presentadores cun simbolismo especial participasen de iniciativas que afectan a unha marca que é propiedade de todos os galegos”. Neste senso, o Comité Interempresas denunciaba represalias contra as persoas que tomaran parte da folga, malia que o goberno e a corporación negaban tales acusacións.

Denuncias

Após o adianto electoral do 21-O, A Mesa, o BNG e o PSdeG-PSOE, criticaron en repetidas ocasións, un uso “manipulador” e “gobernamental” da CRTVG por parte do executivo galego.

Carlos Callón: “En todo o que vai de 2012, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística”

O presidente da Mesa, Carlos Callón, denunciaba o silenzo da televisión pública de Galiza a respecto da asociación. “En toda a lexislatura, só se produciu unha entrevista na RTVG a un dirixente da Mesa", aseveraba Callón, e indicaba que “en todo o que vai de 2012, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística”, no que para o seu presidente constitúe “unha terxiversación e manipulación do medio por parte do Partido Popular”.

Pola súa banda, o PSdeG denunciou perante a Xunta electoral a “falta de pluralismo político e neutralidade informativa da Televisión de Galiza durante a campaña electoral”. A mesma forza que apoiou a lei que permitia o control político da entidade, criticaba o “gobernamentalismo extremo” que ao seu entender practicaba o PP e exixía unha “compensación nos tempos que até o momento non lle foron adxudicados”, aseveraba Pablo García, secretario de organización d@s socialistas.

Tamén así, o BNG, denunciou en varias ocasións o silenzo mediático padecido pola formación frontista nas canles públicas. A súa secretaria de organización, Montse Prado, denunciaba que nas informacións da TVG a respecto das sesións parlamentares nas Cortes españolas, o medio público obviaba a intervención d@s deputad@s do BNG e insería cortes doutras formacións como CiU. Neste senso, @s nacionalistas exixen unha reforma da CRTVG --que incorporan no seu programa electoral-- para garantir a pluralidade e o carácter público da entidade. Para tal fin propoñen a creación dun organismo autónomo de xestión que vele pola imparcialidade do medio e garanta un servizo público e de calidade.

Comentarios