A cobertura informativa da CRTVG recibe críticas da Mesa e o PSdeG por "manipuladora" e "gubernamental"

A Mesa anima á sociedade galega a enviar mails á CRTVG para protestar contra a manipulación informativa da cadea. Radio e televisión pública galega foron os únicos medios que censuraron o informe da Mesa sobre que só o 5% das escolas infantías nas cidades imparten o galego. O PSdeG presenta unha denuncia ante a Xunta Electoral contra o tratamento informativo da TVG.
Foto: Xan Muras
photo_camera Foto: Xan Muras

Esta semana A Mesa deu a coñecer un informe no cal apuntaban a que menos do 10% dos centros de infantil nas cidades da Galiza imparten ensino en galego. Un dato que foi recollido por numerosos medios de comunicación, mesmo alén das fronteiras do noso país. Mais non na radio e televisión públicas de Galiza. Un silencio que non é un feito aillado, lembran desde este colectivo: "A TVG só cubriu, en todo 2012, unha conferencia de imprensa da maior asociación cultural de Galiza".

Esta actitude do que debe ser un medio público ao servizo de tod@s @s galeg@s levou A Mesa a convidar á sociedade a remitir correos electrónicos ao enderezo [email protected], correspondente ao director xeral da Compañía da RTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado polo PP.

"Silencia, terxiversa e manipula"

O presidente da Mesa, Carlos Callón sinala que a CRTVG  silencia, terxiversa e manipula a favor do PP, o cal é máis grave nun momento en que a sociedade precisa estar informada da diversidade e pluralidade de ideas que existen na sociedade”.

Desde a organización de defensa da lingua  tamén sinalan que “en toda a lexislatura, só se produciu unha entrevista na RTVG a un dirixente da Mesa", que foi a coñecida, por agresiva, entrevista de Carlos Luis Rodríguez a Carlos Callón e, ademais, informan de que “en todo o que vai de 2012, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística”.

A proposta de texto da Mesa a remitir nesta campaña podese consultar aquí.

Denuncia do PSdeG diante da Xunta Electoral

As críticas á cobertura informativa da campaña electoral que se está a dispensar desde os medios públicos galegos non se quedan aí. O PSdeG vén de presentar unha denuncia ante a Xunta Electoral motivada pola “falta de pluralismo político e neutralidade informativa da Televisión de Galiza durante a campaña electoral”.

O Partido Socialista reclama así mesmo que se acorde unha fórmula coa TVG para que a canle pública “compense ao PSdeG-PSOE nos tempos que ata o momento non lle foron adxudicados”. O seu secretario de organización, Pablo García cargou contra o que cualificou de “gubernamentalismo extremo” da TVG, que segundo afirma “vulnera sistematicamente calquera principio de neutralidade e obxectividade”.

Comentarios