Xustiza

O TSXG ratifica os 12 anos de inhabilitación para o alcalde pedáneo de Bembrive por prevaricación

Marcos Castro, ex rexedor da parroquia viguesa, foi condenado pola comisión dun delito continuado de prevaricación administrativa no relativo aos contratos para a Festa da sidra.
O alcalde pedáneo de Bembrive, Marcos Castro, sentado no banco dos acusados en novembro pasado. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera O alcalde pedáneo de Bembrive, Marcos Castro, sentado no banco dos acusados en novembro pasado. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso interposto polo ex alcalde pedáneo de Bembrive (Vigo), o socialista Marcos Castro, contra a sentenza que o condenou a 12 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa no relativo aos contratos para a Festa da sidra. Desta forma, o alto tribunal galego confirmou o fallo da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que considerou probado que fraccionou en contratos menores, para eludir os requisitos legais, a compra de sidra para a festa que anualmente se celebra nesta parroquia.

O tribunal de primeira instancia destacou na resolución que, mediante ese procedemento, adxudicou a unha empresa en concreto, durante os anos 2019 e 2020, "de forma directa e sen cumprir o procedemento legal para contratos de subministración superiores a 15.000 euros", a compra da sidra, a cal, segundo o auto recorrido, "elevouse, no ano 2019, á contía de 120.000 euros; e, no ano 2020, a 130.000 euros".

A Audiencia destacou que, tras presentar cada unha das facturas á interventora para o seu abono, "esta formulaba, de forma continua, reparo suspensivo, por tratarse dunha adxudicación verbal, sen base en contrato administrativo que sustentase dita contratación e por prescindir totalmente do procedemento previsto para a contratación de subministracións que excedan de 15.000 euros". Na súa sentenza, difundida esta segunda feira, o TSXG explica que o condenado alegou, no seu recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial, un erro na valoración da proba, vulneración do principio in dubio pro reo e mais da súa presunción de inocencia.

"Por moito que se queira facer pasar o alcalde por unha especie de intermediario comercial, á marxe da súa actividade pública, e á conta da entidade local como unha conta ponte, o certo é que, como se expón certeramente na resolución combatida, non cabe dúbida a este tribunal de que quen contrata e contrae obriga coa empresa é a entidade local, pois é o acusado, alcalde pedáneo da mesma, o que nesa condición trata coa devandita empresa e adxudícalle a ela directamente a subministración da sidra", indica a Sala.

Aliás, o alto tribunal galego subliña na sentenza na que rexeita o recurso do condenado que o contrato "nin sequera está documentado, senón que se fixo de forma verbal, omitíndose todo procedemento de contratación pública e sendo pura e simple manifestación da vontade do alcalde, quen fora advertido pola interventora da necesidade de licitación, reparos suspensivos sempre levantados para novamente impor a vontade do rexedor".

O TSXG destaca que "pouco importa que os veciños pagasen para obter unha sidra concreta —se é que sucedeu tal cousa—, que era a mesma de todas as anteriores edicións da festa da sidra —como afirmou a defensa— ou non", á vez que lembra que "non é a vontade dos veciños a que dita como debe proceder unha autoridade ou funcionario público no manexo dos asuntos públicos que lle concirnen".

Os maxistrados subliñan que o procesado "tampouco pode alegar dúbidas razoábeis ante a contundente advertencia —até 17 reparos— da interventora". Ademais, afirman que o alcalde non pode "ampararse na súa profesión de músico e en carencia de estudos universitarios para desatender os mandatos legais que con maior ou menor precisión interpretaba a interventora e de quen fixo caso omiso". Contra a resolución do TSXG cabe interpor recurso de casación diante do Tribunal Supremo.

Comentarios