Convocadas as outras eleccións do 28-M: que son e como funcionan as entidades menores?

Berán, Arcos da Condesa, Bembrive, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Reis, Queimadelos e Vilasobroso son as nove entidades locais menores presentes en oito concellos galegos.
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera As eleccións serán tamén o domingo 28 de maio. (Foto: Polaris)

A conta atrás para os comicios do próximo 28 de maio comezou esta terza feira coa publicación da convocatoria electoral no BOE, nunha data na que tamén está chamada a votar a poboación de 14 comunidades e cidades autónomas do Estado español entre as que non se atopa a Galiza, que as organizará o vindeiro ano. Porén, oito dos 313 concellos do país vivirán o 28-M unha segunda cita coas urnas: a que determinará a composición das nove entidades menores galegas.

O DOG publicou tamén esta terza feira o decreto polo que se convocan eleccións para o próximo 28 de maio nesas nove entidades locais menores. De igual forma que acontece coas eleccións municipais, a campaña arrincará ás 00.00 horas da sexta feira 12 de maio e concluirá ás 24 horas do día 26 dese mesmo mes.

Na Galiza oito concellos contan con nove entidades locais menores —dúas en Mondariz—

Convócanse eleccións, pois, na entidade menor de Berán, no concello de Leiro (comarca do Ribeiro); Arcos da Condesa, en Caldas de Reis (comarca de Caldas); Bembrive, en Vigo; Camposancos, na Guarda (Baixo Miño); Chenlo, no Porriño (comarca de Vigo); Morgadáns, en Gondomar (Vigo); Pazos de Reis, en Tui (Baixo Miño), e Queimadelos e Vilasobroso, en Mondariz (O Condado).

Alcalde pedáneo e vogais

A Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local da Galiza, regula a organización das entidades locais menores e estabelece no seu artigo 158 que contarán cun alcalde pedáneo que será elixido directamente pola veciñanza, por sistema maioritario, mediante a presentación de candidatos e candidatas dos distintos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores.

A xunta veciñal estará formada polo alcalde pedáneo, que a presidirá, e por un número de vogais que non superará un terzo do total de edís que integren o concello. A designación dos vogais farase de conformidade cos resultados das eleccións para o concello, na sección ou seccións constitutivas da entidade local menor, conforme ao disposto na lexislación electoral xeneral.

Á súa vez, o artigo 199.3 da Lei 5/1985, de 19 de xuño, decreta un número de dous vogais nos núcleos de poboación inferior a 250 residentes e de catro nos de poboación superior a esa cifra, sempre que o número de vogais non supere o terzo dos concelleiros que integran o concello. Nese caso, o número de vogais será de dous.

As entidades locais menores son consideradas legalmente entidades de ámbito territorial inferior ao do concello, con personalidade xurídica propia e facultades para xestionar os seus bens e servizos. Dispoñen de determinadas competencias para administrar e conservar o seu patrimonio, así como para executar obras e servizos do seu interese por medio dun orzamento propio.

Comentarios