O transfuguismo segue mandando este verán no escenario político galego

As mocións de censura non dan tregua en Ourense. Após o cambio de Goberno en Laza e do trunfo da moción de censura en Castrelo de Miño, agora tócalle a quenda a Viana do Bolo. Precisamente, onte mesmo, unha delegación da dirección do BNG e do Executivo local de Viana do Bolo, encabezada polo seu alcalde, Secundino Fernández, mantiveron unha xuntanza para analizaren a situación política neste concello, unha vez confirmada a moción de censura presentada polo Partido Popular e por dous membros do grupo municipal socialista.

O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, acompañado de membros da dirección do BNG,
photo_camera O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, acompañado de membros da dirección do BNG,

Nunha rolda de prensa, os dirixentes nacionalistas responsabilizaron directamente Alberto Núñez Feixoo das mocións de censura de Viana do Bolo, Castrelo de Miño e Laza. A este respecto, a deputada do BNG Noa Presas puxo de manifesto que “o que está acontecendo ao longo deste verán ten un claro responsábel, que non é outro que Núñez Feixoo, xa que co seu beneplácito consinte que o PP de Ourense, con José Manuel Baltar á fronte, leve a cabo prácticas absolutamente caciquís e que corrompen a vontade popular”. Nesta liña, fontes do BNG ourensán consultadas por Nós Diario significan que “a operación que actualmente se vive en Viana do Bolo fai parte dun xogo político co que o Partido Popular pretende recuperar as posicións perdidas nas urnas”.

A moción de censura de Viana do Bolo non é posíbel sen a figura de Baltar, que aproveita as circunstancias particulares dunha parte dos concelleiros socialistas, que formaron un único grupo municipal co PP desde o comezo da lexislatura”, apuntan estas mesmas fontes a Nós Diario, convencidas de que “as mocións de censura en Ourense non rematarán en Viana de Bolo, posto que o PP xa traballa con esta hipótese noutros concellos da circunscrición”. Neste sentido, adiantan movementos semellantes aos de Viana do Bolo ou San Xoán de Río noutras localidades.

O actual rexedor de Viana do Bolo, Secundino Fernández, tomou a palabra para cualificar a moción de censura como unha “traizón ao pobo de Viana”. “Vendeuse a vontade dos veciños, manipulando ese apoio veciñal maioritario que reclamaba un Goberno progresista e poñéndoo en mans do PP”. Fernandez denunciou que os seus cinco anos á fronte do Executivo local estiveron marcados “polo acoso e derribo por parte de PP e PSOE”, cunha “oposición frontal” e na que nunca houbo vontade de acordo. O rexedor lembrou que leva un “ano sen recibir ningunha retribución” e amosouse especialmente crítico coa actitude dos socialistas.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desautorizou os seus concelleiros en Viana do Bolo e acusou o PP de “abandonar calquera tipo de código moral”. Criticou que “non respecta os acordos de rexeneración e contra o transfuguismo” e advertiu de que  “todo lle vale, e está optando pola vía do transfuguismo”. “Nós estamos contra todo este tipo de manobras. Fóra do PSdeG están e estarán todos aqueles que formulen liñas de transfuguismo, que o PP semella aceptar, asumir e validar”, destacou, en resposta ás preguntas dos medios nunha rolda de prensa.

Baltar, ‘de compras’ en San Xoán de Río

O presidente da Deputación de Ourense e máximo responsábel do PP na circunscrición, José Manuel Baltar, avalou a incorporación á formación do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua. Pérez Blecua ostentaba con maioría absoluta o Goberno local desde os pasados comicios municipais, tras encabezar un candidatura independente encadrada no espazo político das mareas.

Blecua xustificou a decisión como “un paso a nivel persoal na procura do ben dos veciños de San Xoán de Río”, seguindo o camiño do anterior alcalde, Luís Castro Álvarez, que en febreiro de 2019 abandonou o PSOE para incorporarse ao PP sen conseguir saír reelixido.

Comentarios