Análise

Baltar abónase ás mocións de censura

O PP tenta recuperar pola porta de atrás as posicións perdidas nas urnas

 

Feijóo con Baltar (Foto: PPdeG)
photo_camera Feixoo con Baltar (Foto: PPdeG)

A moción de censura en Viana do Bolo agocha a debilidade política do Partido Popular na circunscrición de Ourense. Malia a que un acordo de última hora co dirixente de Democracia Ourensá e actual alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome lle permitiu manterse ao fronte da Deputación, os resultados dos pasados comicios locais deixaron a José Manuel Baltar sen maioría absoluta na provincia. Ao tempo, os seguintes procesos electorais viñeron a confirmar unha tendencia á baixa dos populares, acendéndose todas as alarmas no seu núcleo de dirección sobre as posibilidades de conservar os resortes de poder institucional a medio prazo. Precisamente, o remate deste último ciclo electoral acelera a decisión de Baltar.

A operación que actualmente se vive en Viana do Bolo fai parte dun xogo político co que o Partido Popular pretende recuperar as posicións perdidas nas urnas. O primeiro capítulo do mesmo desenvolveuse fai unhas semanas en Castrelo do Miño, onde os concelleiros populares, co apoio de dous tránsfugas do PSOE apartaron da alcaldía ao Bloque Nacionalista Galego, á fronte do concello desde 2007. Naquela altura,  socialistas e nacionalistas non dubidaron en responsabilizar a José Manuel Baltar do acontecido, ao presentar o barón ourensán publicamente a moción de censura e recibir o mesmo día da súa elección ao alcalde xurdido da mesma, curiosamente un funcionario da Deputación de Ourense. 

Viana do Bolo repite o mesmo esquema de Castrelo de Miño. O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar volve a ser o director dun operativo político co que o Partido Popular tenta fortalecer a súa posición e pór fin ao modelo de xestión alternativa levantado polo alcalde do BNG, Secundino Fernández e que sirve de exemplo en toda a comarca. A moción de censura de Viana do Bolo non é posíbel sen a figura de Baltar, que aproveita as circunstancias particulares dunha parte dos concelleiros socialistas, que en palabras do rexedor nacionalista “formaron un único grupo municipal co Partido Popular desde o comezo da lexislatura”. As mocións de censura en Ourense non rematarán en Viana de Bolo, destacando as fontes nacionalistas e socialistas consultadas por Nós Diario que o PP xa traballa con esa hipótese noutros concellos da circunscrición.

O PSOE ten un problema en Ourense

A autoridade da dirección dos socialistas ourensáns está en cuestión após as mocións de censuras de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo. Alén das circunstancias particulares que poidan concorrer nestes casos, evidencian eivas á hora de conducir o partido e de confeccionar as candidaturas. O secretario provincial dos socialistas, Rafael Villarino está no punto de mira. 

Comentarios