BNG denuncia ante a Fiscalía a moción de censura de Castrelo ante un posíbel caso de "suborno"

Achegan un vídeo do pleno municipal no que a portavoz do PSOE no que asegura que a ela lle ofreceron un traballo na Deputación.

BNG Castrelo moción
photo_camera Noa Presas, Esteban Suárez (Foto: BNG)

O BNG elevou a moción de censura en Castrelo de Miño á Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense cunha denuncia de posíbel "suborno" aos concelleiros do PSOE que pediron a baixa e asinaron o cambio de goberno neste municipio, que se debaterá a vindeira terza feira.

Na denuncia presentada ante a Fiscalía, achégase a ligazón a un vídeo do pleno municipal no que se transcriben as declaracións da portavoz socialista, Catalina González, e xa publicadas no seu día en Nós Diario, dirixidas ao portavoz do PP e transcriben: "a única persona que quedou no grupo socialista son eu, sabe por que? Porque nin vostede nin José Manuel Baltar conseguiron comprarme, (e) iso que o tentaron por todos os medios... Ofrecéronme 42.000 euros... Faloume dun posto na Deputación...".

Tamén achegan unha trascripción dunha entrevista radiofónica na que Catalina González, a única edil do PSOE que mantén a súa acta e non participou na moción de censura, di: "sen prevendas de ningún tipo, e dígoo con coñecemento de causa, porque a min persoalmente polo grupo popular foi á primeira á que se tentou mercadear, e ofrecéulleme de todo, ofrecéuseme un salario excesivo desde o meu punto de vista, ofrecéuseme un posto de traballo na Deputación e mesmo, cando non había máis opcións, ofrecéuseme o que necesitase apelando a que todo o mundo necesita cousas".

En declaracións aos medios, a deputada electa por Ourense e membro da Executiva Nacional do BNG Noa Presas trasladou de novo "o apoio" ao aínda alcalde nacionalista, ante o "atentado democrático, contradicindo a vontade das urnas, que se vai a dar en Castrelo para engrosar os alcaldes de Baltar".

O BNG foi a forza política máis votada nas pasadas eleccións municipais, con tres edís, as mesmas que o PSOE e o PP. Nas filas socialistas, dous edís solicitaron a baixa.

"Son uns feitos gravísimos. A actual portavoz socialista declarou que foi chantaxeada por membros do PP", apuntou Noa Presas, quen lembrou que eses feitos, se se confirman, poden ser "delito de suborno", como recolle o código penal, artigo 419 e seguintes.

A dirixente nacionalista lamentou que o PSOE "non actúe ante os vídeos con esas declaracións" que, dixo, todos viron. "Nós fixémolo (polo en coñecemento da Fiscalía) como exercicio de responsabilidade cos demócratas desta provincia", aseverou.

Pola súa banda, o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez, apuntou que non lles "consta a expulsión dos tránsfugas" do PSOE e cualificou "indignante" esta situación, a pesar de que os socialistas dixeron que se aplicaría a lei antitranfuguismo.

Ademais de cualificar a situación de "escandalosa", Esteban Suárez asegurou que "a indignación dos veciños é maiúscula, dado que o partido máis votado é o BNG e non teñen fundamentos para a moción de censura e arrebatar a alcaldía".

A moción de censura foi presentada o pasado 27 de xullo asinada polo tres edís do PP (Avelino Pazos, José Antonio Ferreiro e Naiara Mato), canda dous edís do PSOE (Francisco Pérez e Jaime Fontanes(. A sesión plenaria que debaterá esta moción de censura está fixada para a terza feira 11 ás 12 horas.

Comentarios