luns 28/09/20

Moción de censura en Castrelo de Miño: O PP bota o BNG da Alcaldía co apoio de 2 tránsfugas do PSOE

Os populares acceden así á Alcaldía após 13 anos de goberno nacionalista. Mostras de apoio da veciñanza ao até de agora rexedor nacionalista, Esteban Suárez.

(Foto: @rafarvillarino)
(Foto: @rafarvillarino)

Pasou o que estaba claro que ía pasar desde que o PP de Ourense activou a máquina para impulsar unha moción de censura e Castrelo do Miño ten desde hoxe alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, para poñer fin a 13 anos de Gobernos do BNG neste concello da comarca do Ribeiro. Os 3 concelleiros do PP contaron co apoio de 2 edís ‘tránsfugas’ (e desautorizados polo seu partido) dos 3 que ten PSOE para desaloxar da Alcaldía o BNG (3 representantes e formación máis votada nas municipais).

Numerosos veciños e veciñas concentráronse na Casa do Concello de Castrelo para asistir á moción de censura. Houbo berros de “caciques” ao PP e de apoio ao alcalde “lexítimo”, Esteban Súarez, así como algún momento d etensión surante o pleno. 

O recentemente elixido alcalde avanzou que integrará no seu goberno aos dous ex concelleiros socialistas que apoiaron a súa investidura

Cartaces con lemas como “Castrelo non se vende”, “Caciquismo nunca máis”, “Castrelo co alcalde lexítimo: Esteban” ou “1 cacique e 2 tránsfugas = regreso ao pasado” eran portados por asistentes á sesión.

Suárez, que accedeu ao salón de plenos entre aplausos, defendeu a súa xestión e referiuse ás sospeitas que xera todo o relacionado con esta moción. Cómpre lembrar que a portavoz do PSOE en Castrelo de Miño acusou o PP de tentar comprala para que apoiase a moción.

Esteban Suárez asegurou que o BNG "non se vende" e pediu aos veciños presentes que lembren este feito cando acudan a votar en 2023.

Pola súa banda, na sesión, a socialista Catalina González reiterou o seu rexeitado á moción e asegurou sentir "vergoña" pola decisión adoptada polas súas dúas excompañeros.

Avelino Pazos tivo 5 votos a favor e 4 en contra e asumiu o cargo como novo alcalde de Castrelo de Miño entre aplausos dos seus simpatizantes. 

O recentemente elixido alcalde, así mesmo, avanzou que integrará no seu goberno aos dous exconclleiros socialistas que apoiaron a súa investidura, Jaime Fontanes e Francisco Pérez.

comentarios