Secundino Fernández: "O PSdeG vende os votos das e dos vianeses"

O BNG exixe a PSOE e PP parar a moción de censura
O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019.
photo_camera O nacionalista Secundino Fernández gañou a Alcaldía de Viana en 2015 e repetiu en 2019.

A moción de censura levada a cabo entre o Partido Popular e concelleiros escindidos do Partido Socialista, coa que o pasado 11 de agosto arrebataron a Alcaldía de Castrelo de Miño ao Bloque Nacionalista Galego, repítese agora en Viana do Bolo, tamén gobernada polo BNG. Argumentando diferenzas co rexedor vianés, Secundino Fernández, ao que acusan de "ditatorial", dous concelleiros socialistas abandonaron o grupo municipal do PSdeG a finais de xullo. Porén, e a pesar de que este partido negaba as alertas do alcalde de que tales movementos respondían a un intento de moción de censura, finalmente esta colleu forma e levarase avante o vindeiro 1 de setembro en pleno. 

O alcalde, en declaracións a Nós Diario, responsabiliza desta operación o PSdeG local. "Xa o propio día da investidura non sabía se ía ser nomeado alcalde", lembra Secundino Fernández, sinalando a ausencia de pacto entre BNG e PSdeG desde o inicio da Lexislatura.

A cerna do conflito sitúase, sinala o rexedor, en que os socialistas querían maior poder que o que lles correspondía por peso electoral e alternarse na Alcaldía, a pesar de ser a forza menos votada. "Aquí houbo un grupo municipal único do PSdeG e o PP, sempre votaron xuntos contra nós", lamenta Fernández, quen sinala que a pasada sexta feira houbo unha reunión entre as cúpulas locais e nacionais do BNG e PSdeG coa presenza dos dous edís tránsfugas. Acordouse na xuntanza, segundo relata o rexedor, traballar nunha proposta de cogoberno, mais na segunda feira, 17 de agosto, cando o BNG ía entregar a súa fórmula, souberon que os edís ex socialistas presentaban a moción co PP. 

Fernández cualificou a moción de "fraude á veciñanza". "Non votaron a candidatura do PSdeG para que chegasen a un pacto co PP", deixou claro o nacionalista, que sostén que el sempre estivo "disposto a dialogar" co resto de forzas de esquerda.

"O PSdeG é o culpábel e vende os votos das e dos vianeses,  procurando fórmulas que lles conveñen para non involucraren as súas siglas", sinala o rexedor nacionalista. Nese sentido, Fernández lembra que o pasado 30 de xullo el mesmo presentou unha moción en liña co pacto anititransfuguismo estatal, a cal foi rexeitada cos votos do PP e os dous edís ex PSdeG, e co abandono da sala pola concelleira que aínda continúa baixo as siglas socialistas "para non ter que votar", criticou Fernández. 

Un tránsfuga e o PP alternaranse na Alcaldía

Os ex edís do PSdeG son Santiago Barxa e Abelardo Carballo. Este último chegou a ser portavoz municipal socialista. Co acordo do PP, Carballo ostentará a Alcaldía durante o próximo ano e medio, mentres que o ex alcalde popular Andrés Montesinos será rexedor o resto do mandato. Abelardo Carballo carga contra o alcalde actual por non repartir con el o Goberno, criticándoo por "seguir dicindo que cunha diferenza de cen votos, a Alcaldía é innegociábel", dixo Carballo a Europa Press. Pola súa banda, Montesinos xustificou a necesidade da moción de censura para sacar da "parálise" Viana do Bolo. 

O PSdeG expulsa os edís

A pesar de que a dirección provincial ourensá do PSdeG asegurara hai dúas semanas a este diario que os dous edís non pactarían co PP, os socialistas expresan agora o seu rexeitamento á moción e aseguran que está "orquestrada polo PP" e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, "co beneplácito" de Carballo e Barxa, aos que vén de dar de baixa do partido.

Comentarios