Todos os conselleiros, salvo os vicepresidentes, abandonarán os seus escanos na Cámara

[EN AMPLIACIÓN] O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou na mañá da cuarta feira que os sete conselleiros que mantiñan o seu escano como deputados do Partido Popular abandonarán o seu posto na Cámara para "centrarse" nas súas tarefas de Goberno.

Toma posesión, xunta, feixoo, goberno
photo_camera Toma de posesión do Goberno galego, en setembro de 2020 (Imaxe: Nós Diario)

O mandatario galego fixo este anuncio ao termo da súa intervención durante a sesión de control, a primeira do curso político.

Só os vicepresidentes do Executivo galego, o primeiro, Alfonso Rueda, e o segundo, Francisco Conde; manterán o seu escano na Cámara. A marcha tampouco afecta ao titular de Sanidade, Julio García Comesaña, e á de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; únicos membros do executivos que non eran deputados esta lexislatura.

Por contra, abandonan o hemiciclo Fabiola García (Política Social), Valeriano Martínez (Facenda), Rosa Quintana (Mar), José González (Medio Rural), Román Rodríguez (Educación e Cultura), Ethel Vázquez (Infraestrutruas e Vivenda) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente).

Todos os conselleiros que concluíron na pasada lexislatura obtiveron escano ao figurar en postos de saída. A maioría deles continuaron no cargo fóra da ex titular de Educación, Carmen Pomar, e o ex responsábel de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña.

A primeira saíu do goberno pero mantense como deputada, mentres que o segundo tamén deixou o seu escano para asumir a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.

O resto dos mandatarios que sentan no Consello de la Xunta (salvo os citados Lorenzana e García Comesaña, que non concorreron nas listas do PP galego) mantiveron o seu escano até o arranque deste curso político.

Saen agora da Cámara nun movemento habitual nos gobernos de Núñez Feixoo.

A saída dos sete conselleiros suporá o corremento das listas do PP, que xa se moveu ao comezo do lexislatura cos primeiros nomeamentos da segunda escala do executivo.

Os cambios no Grupo Popular chegan cumprido un ano da investidura de Núñez Feixoo e a menos de dous anos para a seguinte cita electoral no calendario, as municipais previstas para a primavera de 2023.

Comentarios