Tellado asumirá o liderado interino do PP galego

Até que se active a substitución de Feixoo en chave orgánica.
Miguel Tellado na rolda de prensa desta sexta feira. (Foto: PPdeG) #migueltellado #ppdeg
photo_camera Miguel Tellado. (Foto: PPdeG)

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, está lexitimado para se por á fronte do partido na Galiza "de forma interina" unha vez que, como determinan os estatutos da formación, Alberto Núñez Feixoo teña que deixar o seu cargo orgánico para tomar as rendas do PP español após o congreso extraordinario de Sevilla dos días 1 e 2 de abril.

Até que se active a substitución de Feixoo en chave orgánica —que podería posporse até que se ratifique a sucesión na Xunta, dado que os tempos marcaraos Feixoo e non está fechada—, o propio Tellado recalcou que os estatutos do PP prevén o suposto dunha dimisión do presidente, neste caso por "incompatibilidade" co liderado estatal, e que o secretario xeral asuma as funcións.

"É unha interinidade perfectamente prevista", esgrimiu onte Miguel Tellado, en alusión ao paso que terá que formalizar Feixoo en 15 días. Non sería preciso, indicou, que dimita nun Comité Executivo, así que un escrito de renuncia podería bastar para dar por resolto este trámite; e ante a ausencia dun vicepresidente no organigrama do PP galego, o secretario xeral asumiría o liderado temporal.

"Estabilidade, sinal de identidade"

Tellado defendeu que o Partido Popular debe lanzar "unha mensaxe de tranquilidade e estabilidade" non só á militancia, senón ao conxunto da cidadanía da Galiza.

"A estabilidade é o sinal de identidade do PP galego e de Feixoo desde o ano 2009. O que podemos é garantir esa mesma estabilidade até o final da lexislatura. Os galegos quixeron que a Galiza vivise instalada na estabilidade e faremos ben este tránsito", esgrimiu o secretario xeral do PPdeG, nunha réplica da mensaxe que o seu xefe de filas envía no ámbito institucional.

Comentarios