Goretti Sanmartín pide máis apoio ao Goberno español para a nova EDAR

A alcaldesa de Santiago reuniuse co delegado do Goberno español e entre as súas demandas están os terreos do Peleteiro, en mans da Sareb, para construír vivenda social.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno español, Pedro Blanco (Foto: Arxina).
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno español, Pedro Blanco (Foto: Arxina).

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de varios membros de Goberno municipal, mantivo onte un encontro co delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, no marco da súa primeira visita institucional ao Pazo de Raxoi.

Na xuntanza abordáronse unha serie de temas de interese para a cidade como as achegas económicas para a construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta e para o Consorcio de Santiago, ademais da cesión ao Concello da parcela do antigo  colexio Peleteiro.

 Sanmartín recoñeceu "cordialidade e boa vontade de colaboración" e solicitou ao delegado do Goberno "que se comprometa con Santiago para trasladar as demandas aos ministerios". 

Durante a reunión, a alcaldesa puxo enriba da mesa "unha revisión da achega económica do Estado ao convenio da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta", tendo en conta o aumento do prezo de execución no novo prego de licitación aprobado pola compañía estatal Acuaes.

A obra, en fase de adxudicación, "comenzaría a principios do ano 2024" e "ten previsto rematar en abril de 2026" polo que, para Sanmartín, teñen que cumprirse os prazos para poder “xustificarse en tempo os fondos europeos". 

Peleteiro e Consorcio

A alcaldesa trasladoulle tamén ao delegado a proposta de cesión ao Concello da parcela do antigo colexio Peleteiro, na actualidade propiedade da Sareb, co fin de "poder construír alí vivendas de protección, ademais de facer un centro de día, un centro sociocultural e unha gran praza pública".

Outra das demandas foi a dun "incremento económico do executivo estatal para o Consorcio Cidade de Santiago de Compostela", que pasou dunha achega do Estado de 7,4 millóns en 2011 aos 4,7 millóns de euros en 2023.

Comentarios