Investidura de Rueda

O debate de investidura en cinco chaves

Alfonso Rueda subirá esta terza feira ás 9.30 horas ao estrado do Parlamento galego en defendesa da súa candidatura para ser o novo presidente da Xunta da Galiza. Arranca así un pleno de investidura que terá a súa última etapa na quinta feira coa intervención da oposición e a votación da única candidatura presentada. 
rueda pontón álvarez
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez

A Galiza inicia esta terza feira unha semana de relevancia coa elección polo Parlamento do novo presidente da Xunta. O candidato, Alfonso Rueda, vicepresidente en funcións do Executivo galego, intervirá na Cámara a partir das 9.30 horas e sen límite de tempo, para expor "o seu programa de Goberno". A quinta feira será a quenda para que os grupos parlamentares (PP, BNG e PSdeG) expresen o seu sentido do voto, nun debate no que cada un disporá de 35 minutos de exposición e dez máis nunha segunda quenda que o candidato poderá contestar individual ou conxuntamente. A seguir, votarase, e a toma de posesión  do novo presidente será o sábado. 

As portavocías dos grupos reiteraron onte a súa posición a respecto da investidura. Pedro Puy (PP) sinalou o "impulso" que Rueda vai dar ás políticas que veu desenvolvendo a Xunta nos últimos 13 anos. Ana Pontón (BNG) insistiu en que 13 anos de Núñez Feixoo deixaron unha "Galiza máis pequena" e que Rueda supón "máis do mesmo". Luís Álvarez (PSdeG) afirmou que o candidato a presidir o Goberno é "proxecto esgotado". 

Cinco eixos da sesión

No día en que comeza a sesión de investidura, Nós Diario achega as chaves do debate. 

1.─ Punto e á parte ou punto e seguido? O PP insiste en combinar a mensaxe de que a sucesión é tanto un punto e seguido destes 13 anos de Gobernos de Feixoo como un punto e á parte co que denominan 'estilo Rueda'. Espérase que a intervención de hoxe do candidato adiante en que se concreta ese 'estilo'.

2.─ PP, Rueda e a sombra de presidente interino. Rueda é candidato presidir a Xunta por decisión de Feixoo e un pacto coas 'baronías' provinciais. Na investidura haberá miradas a sopesar se mostra "talla" de presidente por si propio, sen tutelas. Algo que, recoñecen no PP, vai ter que demostrar no que resta de lexislatura.

3.─ Un BNG 'preparado'. O BNG quere evidenciar neste debate que son "tempos de cambio e renovación" na Galiza e que é unha formación "preparada" para gobernar a Xunta. Neste sentido, Ana Pontón afronta o pleno como oportunidade para expor un programa alternativo de Goberno ao destes anos do PP.

4.─ O PSdeG, 'propositivo'.  Os socialistas chegan á cita coa intención de gañar visibilidade ante o perigo de ficar diluídos nun debate a dous Rueda-Pontón. Anuncian que, alén de críticos co PP, tamén serán "propositivos". O punto frouxo para o PSdeG é que o seu líder, Valetín Formoso, non poderá confrontar no debate con Rueda ao non ser deputado. Será Álvarez quen tome a palabra como voceiro do grupo socialista.

5.─ Municipais nun ano. Pouco descanso vai ter Rueda após ser investido presidente. Terá que empezar cedo a perfilar a estratexia de cara ás eleccións municipais de 2023, o seu primeiro reto electoral.

O pontevedrés Alfonso Rueda será o oitavo presidente da Xunta

Antonio Rosón, presidente da Deputación de Lugo na ditadura, foi o primeiro titular da Xunta preautoómica (1978-1979). José Quiroga, que era senador coa UCD,  sucedeuno en 1979 na Presidencia daquela Xunta pre-estatuto, onde estivo até 1982, cando se realizaron as eleccións e foi elixido Fernández Albor (AP), que gobernou até 1987, cando unha moción de censura o obrigou a dimitir. Chegaría entón á Presidencia o socialista González Laxe (1987-1990) á fronte dun tripartito. Após as eleccións de 1989, o ex ministro de Franco e líder do PP, Manuel Fraga, accedeu á Presidencia, cargo para o que foi reelixido en tres ocasións máis, até 2005. Seguiuno un Goberno de coalición entre PSdeG e BNG, co socialista Pérez Touriño á cabeza; e xa en 2009 o popular Núñez Feixoo chegou á Presidencia. 

Comentarios