BNG e PSdeG poñerán voz á "outra Galiza" na investidura

Anuncian que esta quinta feira presentarán programas alternativos.
pontón e álvarez
photo_camera Pontón, onte, preparando o seu discurso para o pleno e Luis Álvarez, no Parlamento

O Parlamento galego acolle esta quinta feira a segunda sesión do pleno de investidura, xornada na que interveñen os portavoces dos grupos con representación na Cámara (PP, BNG e PSdeG) e na que se vota a candidatura de Alfonso Rueda á Presidencia da Xunta. A maioría do Partido Popular, 42 deputados, garante ao actual vicepresidente en funcións a súa escolla como sexto presidente da autonomía.

Alberto Núñez Feixoo, que esta quinta vivirá a súa derradeira sesión como deputado na Cámara galega, defendeu na cuarta a candidatura de Rueda, "un político que chega aprendido", dixo o presidente en funcións. "O deputado con maior experiencia de Goberno, unha traxectoria que o acredita para a Presidencia", engadiu.

"Proxecto de país"

Esta cuarta feira foi tamén o día en que compareceron representantes do BNG e o PSdeG para expor as liñas mestras das súas intervencións no pleno de investidura.

A viceportavoz parlamentar do BNG, Olalla Rodil anunciou que a portavoz nacional, Ana Pontón, defenderá unha batería de propostas "urxentes" para rescatar os sectores sociais e económicos máis afectados polo incrementos dos prezos. Afirmou, que o BNG encara a segunda sesión de investidura “cun proxecto de país fronte a un candidato que non ilusiona nin aos seus”.

Criticou Alfonso Rueda pola falta de compromiso e propostas. "O que vimos foi o mellor reflexo, e a viva imaxe, de que o Partido Popular representa o pasado e cun proxecto esgotado para a Galiza. Un proxecto sen impulso, sen propostas, sen ideas, un proxecto sen liderado; que está facendo perder oportunidades a este país”, reiterou. 

O BNG, engadiu a nacionalista, presentará propostas e centrará a segunda sesión deste pleno de investidura cun discurso no que Ana Pontón trasladará un “proxecto de país que está en marcha”. Fóra deste parlamento, dixo a deputada, “ hai milleiros de galegas e galegos esperando que se abra un tempo novo e cun Goberno que faga valer os intereses da Galiza".

Entre as propostas que porá sobre a mesa esta quinta feira a formación nacionalista está un plan de choque de 200 millóns de euros para reforzar Atención Primaria ou un impulso de 700 millóns contra a suba de prezos centrado en axudar as familias e o tecido económico.

"Alternativa factíbel"

O portavoz do grupo socialista, Luis Álvarez, anunciou que empregará a súa intervención na segunda sesión do debate de investidura para debullar as liñas mestras dun programa alternativo de Goberno galego “real e factíbel”. 

Álvarez presentará, sinalou, “propostas de futuro concretas que ilusionen a sociedade galega”, e que permitan pensar nunha “Galiza innovadora” fronte á mensaxe “carente de ilusión e de contido” despregada na primeira sesión polo candidato do PP. 

Propón un modelo “dinámico e moderno de país” e un proxecto “viábel” dentro do "modelo socialdemócrata" e diferenciado tanto das políticas neoliberais fronte a “outros modelos que formulan ou ben escenarios continuistas claramente esgotados ou ben directamente inviábeis”. 

Levará á sesión de investidura unha proposta de reforzo dos servizos públicos, "sinaladamente á Atención Primaria", e de “pacto pola protección social” das persoas maiores.

Comentarios