Investidura de Rueda

Rueda anuncia un punto e seguido a 13 anos de Feixoo

Alfonso Rueda compareceu esta terza feira ante o pleno do Parlamento galego para defender a súa candidatura á Presidencia da Xunta coma quen afronta un trámite administrativo, formal na execución e sen sorpresa no contido. No discurso de 70 minutos realizou até sete promesas a cumprir polo novo Goberno, atacou os nacionalismos, cargou contra o Goberno español e apelou de maneira constante aos "avances" destes 13 anos con Núñez Feixoo presidente . 
Pleno de investidura de Alfonso Rueda como presidente de la Xunta - rueda y Feijóo
photo_camera Alfonso Rueda diríxise ao estrado do Parlamento na sesión de investidura (Foto: Álvaro Ballesteros, Europa Press)

A Alfonso Rueda persíguelle a sona de ser un político "gris" cunha carreira feita á sombra de Alberto Núñez Feixoo, a quen esta semana sucederá como presidente da Xunta da Galiza. O seu discurso de onte na Cámara galega como candidato á Presidencia non axudou a borrar esa sona mais permite albiscar por onde quer Rueda que transcorran os dous anos que restan de lexislatura: non vai haber sorpresas. 

O aínda vicepresidente en funcións fixo constantes apelacións á "moderación", o "sentidiño", á "normalidade" para alicerzar sobre elas a súa imaxe da Galiza destes anos, que confrontou cun escenario no Estado de "rupturas", "populismos" e chantaxes "nacionalistas". Alfonso Rueda abonándose á existencia dun oasis galego de "normalidade excepcional" que debe servir para "marcar rumbo ao resto de España".

"Grazas, presidente"

Unha parte importante dos seus 70 minutos de discurso foron para facer repaso do feito nestes 13 anos de Gobernos de Núñez Feixoo, en sanidade, ensino, economía ou rural... Datos e máis datos para intentar argumentar que "vivimos mellor que en 2009" —ano de chegada á Presidencia de Feixoo— e que mañá, quinta feira, serán contestados polo BNG e o PSdeG.

Rueda apuntou a que estes dous anos van ser de continuísmo das políticas do novo líder do PP español. Un punto e seguido que, iso si, vai ter un certo aire de seu, o "Estilo Rueda" do que o PP leva falando desde hai unhas semanas e que o propio candidato quixo salientar onte: "Non quero ser presidente da Xunta para fotocopiar as últimas páxinas da nosa historia, aínda que fosen memorábeis" senón para "escribir algunhas das mellores liñas" da historia da Galiza. A frase obtivo aplausos comedidos entre a súa propia bancada, a popular.

Rueda, de feito, presentouse como un elo máis na historia "destes 40 anos de autonomía", citou diferentes frases dos anteriores presidentes da Xunta —Fernández Albor, González, Laxe, Fraga, Pérez Touriño e Núñez Feixoo— para defender unha Galiza de "tripla identidade: galega, española e europea" que contrapuxo aos "nacionalismos" que, dixo, "queren fecharmos na Galiza".

Carta a Sánchez

Anunciou que cando chegue á Presidencia remitirá unha carta ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, 10 "preguntas" a respecto dos "incumprimentos" para coa "comunidade". Entre elas, a "falla de apoio" ao corredor atlántico, ao plan estratéxico para Ferrol ou ao Xacobeo. Este último, o Xacobeo, apareceu varias veces na intervención de Rueda, tanto como xerador de "emprego" como elemento de "unidade" europea.

Rebaixa de impostos e vacina de papiloma

O discurso de Alfonso Rueda, que centrou os seus plan de Goberno en tres eixos: traballo, familia e futuro, contemplaba tamén varias promesas.  Entre elas, que en 2023 "reducirá o primeiro tramo do IRPF" do 9,4% a 9%, un anuncio de rebaixas de impostos que xa é todo un clásico nestas catro lexislaturas nos discursos de investidura á Presidencia da Xunta. Tamén prometeu que "este ano" aprobarase unha nova Lei de inclusión social para "dar resposta" ás familias que están nunha peor situación socioeconómica; e que a partir da declaración de 2023, as familias galegas con dous fillos menores de 25 anos contarán cos mesmos beneficios fiscais, "a efectos de IRPF" que as familias numerosas.

No plano sanitario, anunciou que incorporará, de forma gratuíta para as familias, tres novas vacinas ao calendario infantil: a da meninxite B, a do virus do papiloma humano e a antigripal tetravalente.

Chiscadela á lusofonía

Houbo, si, un anuncio que non entraba no esperado. O de achegarse á lusofonía, "que nos abre a porta a millóns de persoas", afirmou Rueda. Anunciou un novo programa, 'Acredita Portugués', para que o alumnado galego poida atestar o seu coñecemento do idioma. 

"Son Alfonso Rueda e traballarei para mellorar estes anos de Goberno", concluíu o candidato despois de 70 minutos de discurso. 

Só un grupo parlamentar, o do PP, veu positivo o exposto. "Foi "moi apropiado", resumiu o seu portavoz, Pedro Puy, "garanten a estabilidade".

Pontón e Formoso critican a "auto compracencia" do candidato

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou onte que "comeza a conta atrás para o cambio de Goberno" e presentouse como "presidenta coas mans libres" para "defender os intereses" dos galegos. Na súa primeira valoración após a intervención do candidato á Presidencia, Pontón observou "un discurso auto compracente, desapegado dos problemas da xente e sen idea de futuro, que representa o pasado e até isto se notaba nas bancadas do PP, en que había de todo menos entusiasmo". Fronte a iso, situou un BNG "que representa unha alternativa, que sabe que este país pode saír adiante". Pontón, que intervirá mañá na quenda de grupos parlamentarios, apuntou que alí debullará as alternativas que o BNG pon riba da mesa, como un plan de 200 millóns de euros para a Atención Primaria. Tamén valoraron o discurso de Rueda, nunha comparecencia conxunta, Luís Álvarez, portavoz parlamentar do PSdeG e Valentín González Formoso, secretario xeral da formación socialista. Ambos os dous coincidiron en que a intervención do candidato fora "falta de ilusión" e sen "mensaxe de futuro para a Galiza". "Parécenos doutra época", resumiu o líder do PSdeG. 

Comentarios