Sumar confía en pactar a investidura en outubro mais advirte ao PSOE: reducir a xornada laboral "é imprescindíbel"

A proposta da coalición liderada por Yolanda Díaz pasa por reducir a xornada laboral ás 37,5 horas semanais en 2024, equiparando así o sector privado e o público, e ir descendendo progresivamente até un limiar de 35 ou 32 horas semanais.
O portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Sumar móstrase optimista respecto a lograr un acordo de goberno co PSOE dentro do prazo do mes de outubro e mantén que incluír un compromiso de redución da xornada laboral é unha das súas demandas principais. É "imprescindíbel" e "nuclear", defendeu esta segunda feira en rolda de prensa o portavoz da formación, Ernest Urtasun, para salientar que van insistir de forma "forte" e "até o último minuto" nesta medida e tamén en varios aspectos máis, como manter o imposto aos beneficios extraordinarios da banca, endurecer o despedimento e despregar dunha vez o estatuto do bolseiro, con vistas a rematar coa precariedade deste colectivo.

Outras exixencias de Sumar pasan por manter medidas de gratuidade na rede ferroviaria de proximidade, reducir en gran parte os voos domésticos cando haxa alternativa rápida en tren para combater o cambio climático, derrogar a 'Lei mordaza', subir novamente o salario mínimo interprofesional (SMI), despregar o índice de control de prezos ao alugueiro na Lei de vivenda e incluír tamén a regulación dos pisos turísticos.

Durante a súa comparecencia, Urtasun sinalou que as conversas co PSOE "avanzan" e que cren que se podería anunciar un acordo nos prazos que se deron, é dicir, ao remate do presente mes. Fontes da coalición remarcan que o seu desexo é poder fechar cando antes un pacto, sen renunciar a esgotar os prazos, e admiten que o asunto da redución da xornada laboral é agora un escollo principal, ao percibir unha "resistencia forte" do PSOE para abordalo.

A proposta do proxecto liderado pola vicepresidenta segunda en funcións do Goberno español, Yolanda Díaz, pasa por reducir a xornada laboral ás 37,5 horas semanais en 2024, equiparando así o sector privado e o público, e ir descendendo progresivamente até un limiar de 35 ou 32 horas semanais. O portavoz de Sumar, da mesma forma que a semana pasada, reiterou que diminuír a xornada laboral semanal é esencial para conseguir unha lexislatura "ambiciosa", no plano social e laboral, ao reivindicar que esa medida reduciu o desemprego cando a aplicou Francia e que é "pertinente" ante o incremento da produtividade.

Tamén manifestou que no resto da lista de requisitos de Sumar, algunhas cuestións están máis avanzadas e outras menos, e que toca seguir dialogando con "discreción" para conseguir un acordo de coalición. Á marxe, Urtasun insistiu en que a negociación co PSOE se cingue aos aspectos programáticos para a lexislatura e que se abordará con posterioridade logo a estrutura do Executivo compartido.

Podemos ve "insuficientes" as negociacións co PSOE e demanda "máis ambición"

Desde unha das formacións con máis forza dentro de Sumar, Podemos, cualifican de "insuficiente" o contido das negociacións co PSOE e reclaman a ambas as partes que consigan un pacto "ambicioso". Así o trasladou en rolda de prensa o coportavoz do partido morado, Pablo Fernández, para apuntar que como membro do grupo parlamentario é coñecedor do contido dos contactos entre Sumar e os socialistas, para concluír que os termos que se están a abordar non colman as súas expectativas de cara ao futuro Executivo.

Durante as últimas datas a formación violeta porfiou en desmarcarse das negociacións para lograr un futuro acordo de Goberno, así como ter un "trato diferenciado" co PSOE para a investidura, e na mañá desta segunda feira Fernández volveu salientar os requisitos que demandan e que non están "suficientemente" recolleitos nas conversas para o pacto.

Así, reiterou propostas de Podemos como conxelar o prezo do alugueiro durante toda a lexislatura, subir o salario mínimo a 1.500 euros, renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, derrogar a 'Lei mordaza', que Irene Montero fique á fronte do Ministerio de Igualdade, elevar a bonificación ao transporte público e iniciativas "nidias" para abaratar o custo da vida.

Comentarios