Sumar e Podemos dan "plena autonomía" aos seus dirixentes na Galiza nas negociacións de cara ás eleccións

Ao longo desta ponte de decembro estaba previsto o diálogo a tres bandas entre Sumar, Esquerda Unida e Podemos Galicia, pero finalmente esta última non participou no diálogo e fontes moradas atribúeno a un "veto" da formación de Yolanda Díaz.
Ernest Urtasun, de Sumar, e Isa Serra, de Podemos, hoxe, en rolda de prensa. (Fotos: Gustavo Valiente e Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Ernest Urtasun, de Sumar, e Isa Serra, de Podemos, hoxe, en rolda de prensa. (Fotos: Gustavo Valiente e Fernando Sánchez / Europa Press)

Sumar e Podemos mostraron esta segunda feira pleno apoio ás súas respectivas direccións na Galiza no que atinxe ás decisións que adopten para as futuras eleccións no país, en plena tensión nas negociacións que se manteñen sobre unha eventual coalición. Todo iso despois de que Sumar Galicia paralizase as conversas cos morados tras a decisión dos cinco deputados procedentes de Podemos de deixar o grupo de Yolanda Díaz, no Congreso e anunciar o seu pase ao Grupo Mixto.

En rolda de prensa, o portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, manifestou a respecto das candidaturas e coalicións tanto na Galiza como en Euskadi que os seus compañeiros en ambos os países teñen "plena autonomía" para decidir e non será Madrid quen avance futuros desenlaces, por "respecto" precisamente aos procesos que se articulan nos territorios. "Os nosos compañeiros e compañeiras da Galiza teñen plena autonomía e soberanía para facer os seus pactos, as súas candidaturas. Por tanto, tocaralles a eles decidir", insistiu durante a súa comparecencia.

Pola súa parte, a coportavoz estatal de Podemos, Isa Serra, reivindicou tamén sobre as eleccións galegas e vascas que quen teñen o peso son as direccións a nivel autonómico, que buscan fórmulas para conseguir "candidaturas amplas" que permitan conseguir gobernos de esquerda. E, neste sentido, asegurou que traballan tamén con "plena autonomía". Respecto ás europeas, Serra afirmou que non tomaron aínda ningunha decisión sobre como concorrerán a eses comicios e se irán por separado, e que en calquera caso farano seguindo o mandato dos rexistrados na formación, que pautan "primarias sen vetos".

As relacións de Sumar e Podemos na Galiza distáncianse cada vez máis desde a ruptura do grupo parlamentario no Congreso. Malia que en Euskadi continúan as conversas, o sucedido na Cámara Baixa fixo saltar polo ar o diálogo de cara ás eleccións galegas e, aínda que algunhas partes aínda se resisten a empregar a palabra "roto", o diálogo e confianza están de facto crebados e con difícil recomposición, segundo apuntan fontes de ambas as formacións citadas pola axencia Europa Press.

Ao longo desta ponte de decembro estaba previsto o diálogo a tres bandas entre Sumar, Esquerda Unida e Podemos Galicia, pero finalmente esta última non participou no diálogo e fontes moradas atribúeno a un "veto" da formación de Yolanda Díaz. A semana pasada a portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, admitiu que vía "difícil" unha coalición con Podemos tras a decisión dos morados de romper o acordo de coalición, mentres fontes de Podemos recoñecían que a situación das negociacións na Galiza estaba "mal" e que a forma de traballar da formación de Díaz facía que as confluencias non saísen ben.

Desde EU, con todo, manteñen a súa aposta por unha coalición a tres bandas, reeditando o pacto para as pasadas estatais, como xa defenderon os seus órganos de dirección. Por tanto, de non ser posíbel esta fórmula, e ante a complexidade de que se reconduza, a dirección de EU volverá someter a consulta o destino que tomará. E diante deste escenario, Podemos Galicia ábrese a deseñar escenarios alternativos se persisten as diferenzas. "Seguimos mantendo a porta aberta, pero empezaremos a preparar o escenario B e C", dixeron fontes desta formación a Europa Press.

Paralelamente, cun par de semanas de atraso, Sumar Galicia ten aínda pendente presentar a súa comisión promotora, da que xa se coñecen nomes como o do ex alcalde de Ferrol Jorge Suárez e o catedrático e vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, ademais do propio portavoz, Paulo Carlos López; as deputadas galegas de Sumar no Congreso, Marta Lois e Verónica Martínez Barbero; os asesores do Ministerio de Traballo Manolo Lago —ex deputado tamén no Parlamento da Galiza— e José Manuel Sande, ex senador, ex concelleiro de Marea Atlántica e líder da candidatura nas municipais de Por Coruña —alianza de Podemos e Esquerda Unida—.

De entre o medio centenar de nomes que figuran na comisión impulsora de Sumar na Galiza figuran, aliás, o ex secretario xeral de CCOO no país, Ramón Sarmiento Solla; a responsábel de LGTBI de UXT-Galiza, Laura García Parada, e a delegada sindical da CIG e activista do movemento feminista Rocío Núñez Rúa, próxima a Marta Lois e que xa participou na campaña das estatais.

Comentarios