Sumar paraliza as conversas con Podemos para as eleccións galegas tras romper o grupo no Congreso

Fontes de Sumar Galicia confirmaron esta "paralización temporal das conversas", despois dos primeiros encontros formais tras a constitución da organización neste territorio, pendente aínda de dar a coñecer a composición completa da súa promotora.
Yolanda Díaz e Marta Lois son as principias referencias de Sumar na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz e Marta Lois son as principias referencias de Sumar na Galiza. (Foto: Europa Press)

Sumar Galicia vén de paralizar as conversacións con Podemos Galicia tras a decisión dos cinco deputados procedentes da formación morada de deixar o grupo da vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, no Congreso e anunciar o seu pase ao Grupo Mixto.

Fontes de Sumar Galicia confirmaron esta "paralización temporal das conversas", despois dos primeiros encontros formais tras a constitución da organización neste territorio, pendente aínda de dar a coñecer a composición completa da súa promotora.

"Queremos saber se Podemos Galicia quere construír Sumar Galicia connosco ou non. Queremos garantías e un pronunciamento público ou privado de que existe vontade de traballar todas na mesma dirección", apuntaron as mesmas fontes consultadas.

Isto, na práctica, suporía saber se hai ou non un desmarque da postura dos deputados no Congreso, todo iso en plenas negociacións nas que Podemos Galicia e Esquerda Unida teñen avanzadas as súas conversacións e mantiveron reunións previas á espera da constitución de Sumar, que esperou á investidura de Pedro Sánchez.

Aumenta da tensión

De facto, nos últimos días foi en aumento a tensión, cunha notoria ausencia de implicación na promotora de Sumar Galicia, polo menos até o momento, das organizacións de Podemos Galicia e Esquerda Unida (EU), que pola súa conta iniciaron as conversacións para as galegas moito antes da constitución como partido de Sumar Galicia e á espera de que este proxecto definise a súa intención de acudir ás eleccións.

Desta maneira, tras a investidura, houbo un primeiro contacto oficial das tres organizacións políticas, nas cales Podemos Galicia chegou a pór encima da mesa unha proposta para pechar unha coalición a tres, proporcional.

Neste sentido, tamén EU urxiu a pechar xa unha coalición, pero Sumar Galicia, cuxo portavoz é Paulo Carlos López, abriu, pola súa conta, contactos para tratar de atraer ao proxecto á pata nacionalista que outrora formou parte da confluencia, Anova, que nas xerais pediu o voto para o BNG e afastouse do que outrora foron as alianzas coa esquerda federal.

Con contactos pendentes para esta semana, segundo as fontes próximas á situación, a tensión no espazo escalou nas últimas horas, tamén no Estado, o que deveu na ruptura do grupo no Congreso.

E no medio da tensión entre as partes, o portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, dirixiuse publicamente a Podemos Galicia para advertir de que non toca falar "de cotas", senón que é momento de armar unha proposta política, unhas declaracións que foron contestadas polo propio Borja San Ramón (líder da formación violeta na Galiza) para advertir de que non se pode "marear" e que acordar pasa por "acordos e porcentaxes" e que se acabou "o tempo de cheques en branco".

Reestruturación do Grupo Mixto

A chegada de Podemos ao Grupo Mixto obrigará a reestruturalo, mais aínda non se coñece como quedará organizado. Tras a decisión da formación morada, farán parte do Grupo Mixto BNG, Coalición Canaria, Unión del Pueblo Navarro e Podemos.

Comentarios