Sumar constitúese como partido instrumental para o 23-X

‘Movemento Sumar’ busca “facilitar a confluencia da esquerda” e “ser a casa grande da democracia”

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social do Estado español, Yolanda Díaz. (Foto: Fabián Simón Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social do Estado español, Yolanda Díaz. (Foto: Fabián Simón Europa Press)

Sumar, o proxecto que impulsa a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz, rexistrouse como un partido instrumental para as eleccións estatais do 23 de xullo, co obxectivo de “facilitar a confluencia entre as distintas formacións de esquerda e a sociedade civil”.

Así o trasladaron esta terza feira fontes da plataforma, que explican tamén que se informou a todos os partidos cos que se conversa para crear unha candidatura de unidade, que deron o seu visto e prace a esta iniciativa, como apuntan tamén outras fontes vinculadas a formacións implicadas no proceso

Desta maneira, a denominación concreta rexistrada no Ministerio do Interior é 'Movemento Sumar' e que a fórmula de partido instrumental serve para "poder garantir a participación de persoas independentes e profesionais na confluencia", indican desde o colectivo conformado pola titular de Traballo.

Sumar difundiu tamén nas súas redes esta decisión e recalcan que o partido instrumental será "o corazón cidadán do proxecto e presentarnos con garantías á cita electoral do próximo 23 de xullo". "Avanzamos nunha confluencia con todas as que compartan o horizonte de país. Queremos que Yolanda Díaz sexa presidenta", profundou nas súas redes sociais.

Sumar quere ser "a casa grande da democracia"

Nesta liña, as citadas fontes indican que Movemento Sumar ten como meta "ser a casa grande da democracia", para erixirse como un "movemento europeísta, plural" e con firme vontade de "enfrontar o reto da emerxencia climática e avanzar cara a unha sociedade máis libre, máis feminista e máis igualitaria".

Os prazos da normativa electoral fixa un período de dez días para constituír as coalicións para a cita coas eleccións xerais, polo que Sumar e a vicepresidenta segunda aceleraron o proceso para conformar unha fronte ampla progresista.

Desta forma, Sumar asume o "reto" do adianto electoral, detalla que ten xa moito traballo avanzando e onte reactivou as conversas con máis dunha quincena de partidos para lograr unha candidatura unitaria, baixo o liderado de Díaz. A líder de Podemos, Ione Belarra, sinalou que eses contactos estaban activados e que traballaban para conseguir un acordo de coalición.

Por agora, varias formacións progresistas deixaron claras as súas intencións de adherirse ao proxecto que impulsa a vicepresidenta segunda, como En Comú Podem, EU, Verdes Equo e Alianza Verde.

As primarias, unha das incógnitas

O que queda no aire polo momento é a cuestión das primarias, dado que de cumprirse os prazos estimados, o rexistro da lista electoral debería producirse o 19 de xuño.

Diversas fontes do espazo confederal subliñan que os tempos da convocatoria electoral son moi axustados e o despregamento deste sistema de elección de candidatos é complicado e que será un dos puntos para determinar nos contactos destes días. Algunhas desas voces apuntan directamente a que se antolla difícil unhas primarias, que era a intención de Díaz.

Ademais, as primarias abertas era un dos requisitos que expuña Podemos para un acordo previo e onte o ex vicepresidente Pablo Iglesias prognosticaba que, ao seu xuízo, non ían ter lugar.

Comentarios