O PP perdería a Xunta da Galiza cos resultados das municipais do 28-M

O Partido Popular ficaría a tres escanos da maioría absoluta
BNG lei tramitacion crtvg parlamento galego-min

O Partido Popular perdería a Xunta da Galiza de darse nas eleccións galegas os resultados deste domingo, 28-M.

Mais esta extrapolación de resultados non deixa de ser, ante todo, un exercicio matemático. E ningún caso se podede predicir o comportamento da poboación en procesos electorais diferentes, mais si que serve para poder ver tendencias políticas e de voto. Este domingo o PP recadou 38,4% dos sufraxios mentres que o BNG e o PSdeG sumarían ao redor de 47%.

Así, de votar o electorado nos comicios de 2024 para a Xunta da Galiza como se fixo nestas eleccións municipais, o PP tería moi difícil repetir no Goberno galego. Tería 35 deputados e deputadas no Parlamento galego, unha cifra moi lonxe dos 42 escanos que posúe actualmente e tres por baixo da maioría absoluta (38). Nin sequera de ter o apoio de Democracia Ourensá —que en base a esta extrapolación de resultados atinxiría 1 representante na Cámara galega cos  seus case 20.000 votos do domingo—lle valería para ter a maioría absoluta.

A perda de sete escanos do Partido Popular sería, sempre en base a esta simulación, nas catro circunscricións. Na da Coruña ficaría con dous menos, en Pontevedra de 11 pasaría a nove, en Lugo baixaría de nove a sete e Ourense en perdería un.

Cambio

Cos resultados do 28-M, na cita dos comicios galegos o PSdeG e o BNG sumarían maioría, 39 escanos,  26 da formación socialista e 13 da nacionalista.

Porén, hai que ter en conta que o electorado compórtase de maneira diferente segundo o tipo de eleccións: municipais, galegas, estatais ou europeas. Tradicionalmente, o nacionalismo sempre colleitou os seus mellores resultados nas galegas. Un exemplo foi a cita de 2020. As extrapolacións para estes comicios de 12 de xullo de 2020 en base aos resultados das municipais de 26 de maio de 2019 daban ao BNG nove escanos. Tivo 10 máis: 19. 

"Proba de fogo"

O PP é consciente de que esta primeira cita coas urnas con Alfonso Rueda como presidente era unha especie de "proba de fogo" do titular da Xunta de cara ás eleccións galegas. O PP mellorou resultados a respecto de 2019, mais segue lonxe das marcas dos seus mellores momentos e só é quen de lograr unha das sete cidades galegas, Ferrol. 

O BNG saíu satisfeito deste 28 de maio, unha cita que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, situou desde o principio como unha estación importante de cara a que o nacionalismo chegue á Presidencia do Goberno galego. Os resultados, neste sentido, son todo un "pulo" para a candidatura do BNG cos ollos postos nese obxectivo.

O PSdeG, pola súa parte, ten por diante dirimir quen vai ser o seu candidato á Xunta. Cos resultados do 28-M, confía en que  a esa cita chegue con probabilidades de subir.

Comentarios