18-F

Tras pedir o voto para o BNG, Pablo Iglesias chama agora a votar Podemos

Visitou a cidade herculina “por sorpresa”

Isabel Faraldo, Borja San Ramón e Pablo Iglesias, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Isabel Faraldo, Borja San Ramón e Pablo Iglesias, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O cofundador de Podemos, Pablo Iglesias, viaxou esta cuarta feira até A Coruña para abeirar, nun acto por 'sorpresa', a candidata da formación violeta a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, nas eleccións galegas que teñen a cita coas urnas este domingo 18 de febreiro.

Sen convocar os medios de comunicación, e na mesma xornada na que a ex ministra de Igualdade e candidata ás europeas, Irene Montero, estivo en Vigo; Pablo Iglesias desprazouse até a cidade herculina e difundiu un vídeo no que Faraldo asegura que "nunca" tivo "dúbidas" do "apoio de Pablo Iglesias".

"O máis leal militante, nunca tiven dúbidas do apoio de Pablo Iglesias, pero hoxe encárnase nesta visita á Coruña para abeirar os compañeiros que están a entregar tanto nesta difícil e xenerosa campaña", manifestou Faraldo nese vídeo.

Pola súa banda, Iglesias, que se pronunciou en contra de que Podemos pactase con Sumar e chegou a mostrar a súa opinión a favor de votar ao BNG nesas eleccións, esta cuarta feira, pola contra, volveu ratificar o seu apoio a Isabel Faraldo.

"Grazas a todos os militantes", dixo, en referencia a unha campaña "moi difícil" que se está desenvolvendo con "toda a paixón e ilusión". "Todo o meu apoio, compañeira", dixo.

Comentarios