18-F

Faraldo agradece o apoio de Pablo Iglesias á súa candidatura: "É o militante máis leal"

A portavoz da formación violeta afea á Xunta que non aplique a Lei de Vivenda e pide o voto para Podemos fronte á "corrupción do PP"

Cheda, Faraldo e Serra, esta quinta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cheda, Faraldo e Serra, esta quinta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos á presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, agradeceu o respaldo público cara á súa candidatura mostrado esta quinta feira a través das redes sociais polo ex líder da formación morada, Pablo Iglesias, e asegurou non dubidar "nin un segundo" do apoio do que é, puntualizou, o "militante máis leal" do partido.

As declaracións de Faraldo producíronse tan só algunhas horas despois de que Iglesias manifestase o seu apoio, a través da rede social 'X', a "a candidata máis valente da esquerda" para os comicios galegos do 18 de febreiro. "Despois de que a militancia do partido rexeitara a candidatura conxunta [con Sumar] eu tiña clarísimo que o que foi o meu secretario xeral, o fundador de Podemos e quen é o militante máis leal deste partido ía estar cos ollos fechados con esta candidatura", explicou Faraldo.

A candidata de Podemos-Alianza Verde para as eleccións galegas, acompañada na súa visita a Lugo pola portavoz da formación violeta, Isa Serra, e a cabeza de lista do partido por Lugo, Ximena Cheda, denunciou durante a súa intervención a "invisibilización" da que foi obxecto Podemos durante os primeiros días da campaña electoral.

Isabel Faraldo, que afirmou "non confiar" demasiado nas enquisas, xa que se poden reverter, puntualizou, con "traballo, convicción e compromiso", asegurou que o principal obxectivo do seu partido para a cita electoral é "reverter as políticas do PP". "E iso pasa por expulsar o PP do Goberno. Aí, nun Goberno progresista, vannos atopar", proclamou.

Contra a "corrupción e a especulación" do PP

Tras a intervención da candidata de Podemos á presidencia da Xunta e minutos antes de manter un encontro coa plataforma Stop Desafiuzamentos, a portavoz da formación, Isa Serra, tomou a palabra para denunciar as políticas da Xunta da Galiza en materia de vivenda que, asegurou, "fomentan a especulación". "A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, dixo que non vai aplicar a Lei de Vivenda e que queren facer un recurso a nivel estatal. Isto manda unha mensaxe aos galegos e galegas de que deben votar á candidatura de Podemos, que defende un dereito fundamental", manifestou Serra, para acto seguido definir Faraldo como unha candidata "común" e como unha "loitadora" capaz de facer fronte á "política de corrupción do PP".

"En Lugo temos máis dun 30% do parque de alugueiro tensionado, só sae un 30% a alugueiro e en todos os barrios hai vivendas turísticas sen que haxa un tope estipulado de canta vivenda turística pode haber", explicou, pola súa banda, a número 1 da candidatura de Podemos por Lugo, Ximena Cheda, antes de alertar de "unha subida do 9%" nos prezos do alugueiro na cidade desde o pasado mes de xullo.

Apoio ao sector primario

Tamén se referiu Isabel Faraldo, durante a súa comparecencia ante os medios esta quinta feira, ás protestas do sector primario, unhas mobilizacións que responden, dixo, ás "reivindicacións xustas dun sector moi zurrado" que na Galiza resulta "imprescindíbel".

Nunha liña moi similar pronunciouse a portavoz, Isa Serra, que exixiu "solucións" para os traballadores e as traballadoras. "É fundamental cumprir a lei de cadea alimentaria para evitar a venda a perdas e hai que revisar tamén todos os acordos de libre comercio que supoñen unha competencia desleal para os nosos traballadores do campo", finalizou.

Comentarios