18-F

Pablo Iglesias desliza que Podemos debe pedir o voto para o BNG e non ir con Sumar

"A mellor decisión que poden tomar as bases moradas é rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG", escribiu hoxe nas redes sociais, citando un editorial de 'Diario Red'.
Pablo Iglesias (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
photo_camera Pablo Iglesias, nun acto de campaña de Unidas Podemos en València o pasado 26 de maio. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

O antigo secretario xeral de Podemos e fundador de Canal Red e Diario Red, Pablo Iglesias, deixou entrever esta quinta feira a través das redes sociais que a súa formación debería rexeitar a coalición preacordada con Sumar e Esquerda Unida e evitar concorrer á cita electoral do vindeiro 18 de febreiro. Así o deslizou compartindo nas súas redes sociais persoais un artigo editorial de Diario Red do que tamén salientou algunhas frases.

E, a falta de participar activamente nas eleccións, Iglesias apunta á posibilidade de pedir o voto para o nacionalismo galego e así "xerar un maior número de deputados e deputadas de esquerdas no Parlamento galego para unha investidura exitosa". A "mellor decisión que poden tomar as bases moradas", insistiu, é "rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG".

"Lembrando que o sistema electoral galego sitúa un alto limiar de 5% en cada provincia para obter representación, o máis eficaz para tentar producir ese cambio político en Galiza e facilitar un goberno progresista e de esquerdas na comunidade non é que Podemos Galicia rubrique un acordo con Sumar que, incluso conseguindo sacar aos seus votantes á rúa o domingo electoral a pesar da decepción, é moi difícil que converta os votos en deputados", salienta o editorial.

As bases de Podemos están chamadas a pronunciarse nunha consulta interna sobre a idoneidade de concorrer en coalición con Sumar que desde a dirección estatal do partido insisten en que será vinculante: "É Podemos Galicia quen de forma autónoma a que ten que propor, ou polo menos consultar, os rexistrados sobre se hai que facer acordos ou non [...] Iso é o que están a facer e, a partir de aí, veremos o que deciden", afirmou hoxe a dirixente Isa Serra.

Comentarios