Estas son as datas clave das eleccións estatais do 23 de xullo

Os partidos só teñen até o 9 de xuño para formar coalicións e deberán presentar listas o 19 de xuño.

Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).

A publicación esta terza feira, 30 de maio, do decreto de convocatoria das eleccións estatais do 23 de xullo porá en marcha o calendario electoral que concluirá a mediados de agosto coa constitución das Cortes Xerais e que ten fitos destacados como os prazos para comunicar coalicións electorais e para presentar as candidaturas ao Congreso e ao Senado.

Estas son as datas chave do procedemento electoral, a falta de que se aprobe o calendario electoral:

- 30 de maio: publicación do decreto de convocatoria de eleccións e de disolución das Cortes, co que arrinca o período electoral, o que supón, entre outras cousas, a prohibición de celebrar actos de inauguración e difundir propaganda institucional. Ábrese tamén o prazo para solicitar o voto por correo e para pedir o voto desde o estranxeiro.

- Entre o 31 de maio e o 4 de xuño o Ministerio de Facenda haberá de publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha orde ministerial que fixe o límite máximo de gasto de campaña e que actualice as subvencións que abonará o Estado aos partidos por cada voto e escano obtido nas eleccións do 23 de xullo.

 - 9 de xuño: os partidos políticos deben comunicar as súas coalicións electorais desde o 31 de maio e ata as doce da noite do 9 de xuño. Estas alianzas deben formalizarse nas distintas xuntas electorais, sexan provinciais ou na XEC, se o seu ámbito supera unha circunscrición.

- 19 de xuño: entre o 14 e o 19 de xuño os partidos, coalicións ou agrupacións electorais terán que presentar nas xuntas electorais provinciais as súas candidaturas ao Congreso e ao Senado.

- 21 de xuño: as listas presentadas ao Congreso e ao Senado publícanse no Boletín Oficial do Estado (BOE), pero aínda non son as definitivas, xa que se abre un prazo de corrección de erros e para liquidar impugnacións.

- 27 de xuño: o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicará xa as candidaturas proclamadas polas xuntas provinciais, unha vez revisadas e, no seu caso, corrixidas.

- 7 de xullo: ás cero horas do venres 7 de xullo arrincará a campaña electoral, que concluirá ás doce da noite do venres 21.

- 17 de xullo: último día para publicar enquisas electorais. Esta prohibición, que os partidos non foron capaces de actualizar ou corrixir, impúxose en protección das formacións minoritarias para evitar que as chamadas ao voto útil na recta final da campaña levásellas por diante.

- 22 de xullo: xornada de reflexión, na que estará prohibido facer actos de campaña.

- 23 de xullo: xornada electoral na que estarán chamados ás urnas máis de 36 millóns de persoas. Para o Congreso, deberán usar papeletas fechadas configuradas polos partidos, pero para o Senado poden marcar nunha lista aberta até tres candidatos, do mesmo ou de distintos partidos.

- 26 de xullo: primeiro día de prazo para que nas distintas xuntas provinciais se proceda ao escrutinio dos votos das eleccións xerais, sumando o reconto que se fixo o domingo nos colexios electorais cos votos emitidos desde o estranxeiro por parte dos rexistrados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). Ese reconto definitivo deberá acabar o sábado 29 de xullo.

- Ao redor de mediados de agosto celebrarase a sesión constitutiva das Cortes Xerais, unha vez resoltos todos os recursos e proclamados os resultados. A data concreta fixarase no decreto de convocatoria de eleccións que aprobe este luns o Consello de Ministros. Ese día tomarán posesión os parlamentarios e as parlamentarias elixidas e haberá que votar os e as integrantes das dúas Mesas, incluíndo as presidencias.

- Cinco días despois constituiranse os grupos parlamentarios e, con iso, poñerase data á rolda de consultas no pazo da Zarzuela para que o rei español escoite os e as líderes dos partidos co fin de encargar a investidura ao que teña máis apoios.

- Esa sesión de investidura non se calcula antes de finais de agosto.

Comentarios