18-F

Estas son as 42 listas que competirán nas eleccións galegas

A principal e máis peculiar novidade é a candidatura de Izquierda por Almería na circunscrición de Lugo.
Papeletas no colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol, en 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera Papeletas no colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol, en 2020. (Foto: Europa Press)

A cita electoral do próximo 18 de febreiro enfrontará na Galiza a un total de doce formacións políticas, dez delas con presenza nas catro circunscricións electorais. Isto supón unha baixada significativa con respecto a xullo de 2020, cando se presentaran 56 listas en total fronte ás 42 que se rexistraron para estes comicios nas xuntas electorais provinciais correspondentes.

De forma común a todas as circunscricións, a falta de que se formalicen no Diario Oficial da Galiza (DOG) e nos boletíns provinciais esta cuarta feira día 17, preséntanse PP, BNG, PSOE, Sumar Galicia (coalición), Podemos (coalición), Espazo Común Galeguista (coalición), Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto.

Estas dez listas son as únicas, aliás, que se presentan nas circunscricións da Coruña e de Pontevedra. As diferenzas prodúcense en Lugo e Ourense, pois na primeira aparece, como novidade, Izquierda por Almería, como anunciara en días pasados, mentres que en Ourense faino Democracia Ourensá (DO), o partido do alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome.

Principais cambios

Con respecto a catro anos atrás, unha das novidades é a reorganización do Espazo Común Galeguista, que agora aglutina Compromiso por Galicia. Sumar Galicia xorde como herdeira do espazo das mareas —en 2020, Galicia en Común-Anova-Mareas—, aínda que Podemos concorre por separado en coalición con Alianza Verde e Recortes Cero, mentres que Democracia Ourensá, que en 2020 non se presentara, faino agora.

E desta volta Anova rompe definitivamente coa esquerda federal e, após rexeitar integrarse na coalición que lidera Sumar, agora pide o voto para o BNG de Ana Pontón.

Ciudadanos e Ciudadanos de Galicia desaparecen, da mesma forma que UPyD —que só se presentara por Pontevedra—. Tampouco se presentan o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza nin o Partido dos Autónomos e Profesionais, así como o Partido Libertario —que só se rexistrara na Coruña—. Tampouco haberá lista en solitario de Equo, de Converxencia 21 —que só estivera en Lugo— nin de Contigo Somos Democracia.

Comentarios