O BNG e Anova escenificaron este domingo nun hotel compostelá máis que un simple acordo con selo electoral para o 18-F. Ana Pontón e Martiño Noriega puxeron voz a un acordo no que se “cicatrizan feridas” e se “abre un novo ciclo” ao tempo que ambas as dúas formacións indican que toman nota “da demanda da sociedade” de que o 18-F quere “cambio”. E ese cambio “está máis perto con este acordo”.
Para apoiar a sinatura do acordo, presenza das Executivas. Xosé Manuel Beiras, Rubén Cela, Antón Sánchez ou Néstor Rego e Goretti Sanmartín, entre outros e outras. Un acordo a dous niveis, por unha parte, “xuntar forzas” cara ao 18-F favorecer ese “cambio que a Galiza precisa con urxencia”. Por outra, pór en andamento “un proceso destinado a redimensionar nos vindeiros anos o soberanismo galego”.
“Estamos a facer o que xente pedía que fixeramos”
Tomou a palabra en primeiro lugar Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova. “Era importante entender o momento e cicatrizar as feridas”, sinalou. ´”Escenificamos o compromiso cun pais que quere apostar polo seu futuro”, apuntou, após incidir en que o 18-F “xogámonos moito” para erguer un “dique de contención” contra as políticas do PP ao longo destes 14 anos, que empeoraron notabelmente a vida das persoas en campos tan importantes como os servizos públicos .
Noriega sitúa o acordo como un avanzo, un paso para conseguir que das urnas nas eleccións galegas saia un Goberno que “estea liderado polo espazo soberanista e contar cunha presidenta como Ana pontón”.
“É urxente o cambio e que o impulse o espazo soberanista”, reiterou, para a seguir indicar que “é un día importante”. BNG e Anova, con este acordo “estamos a facer o que a xente pedía que fixeramos”,
“A prioridade política neste momento é o cambio”
Ana Pontón apelou a que a “prioridade política neste momento” é o “cambio”, un cambio “liderado polo nacionalismo” e que “está máis perto” co acordo asinado con Anova.
A portavoz nacional do BNG agradeceu a “xenerosidade” e “altura de miras” de ambas as dúas formacións. “Agradezo de corazón este paso dado por Anova”, engadiu. Un acordo que mostra que o “estamos a pór por diante os intereses da Galiza”, un “acto de responsabilidade” coa cidadanía que “quere cambio o 18-F”.
Pontón apelou a “unir no BNG” ese voto polo cambio e para “derrotar o PP e os seus 14 anos de políticas nefastas”, ademais de subliñar o “decisivo” destes comicios para a Galiza. “O 18 de febreiro podemos facer historia e que a Galiza, por primeira vez, teña unha presidenta coas mans libres”.
Integración?
A preguntas da prensa sobre se este acordo abría a porta a unha integración de Anova no BNG, Martiño Noriega sinalou que “non temos unha bóla de cristal” para poder coñecer o futuro, indicando que esa mesma pregunta, para ter resposta, deberíase formular “nuns meses ou nuns anos”.
O portavoz de Anova puxo como exemplo que o acordo asinado este domingo “non é un pacto de postos, reparto de sitios”, senón unha “declaración de vontades, un exercicio de responsabilidade” para coa cidadanía galega. “Non é menor o que nos xogamos” o 18 de febreiro, concluiu.
Ana Pontón dixo que ambas as dúas formacións “temos unha análise compartida”, que pasa polo “reforzo do espazo das forzas políticas propias. “A chave para derrotar o PP é unir o voto no BNG”, reiterou a portavoz nacionalista, “e moi poucas veces imos ter esta oprtunidade”, polo que o 18-F “saímos a por todas”.