18-F

Compromiso por Galicia intégrase no Espazo Común Galeguista de Pachi Vázquez

A coalición está formada por Espazo Común, Unidade Local, Compromiso por Galicia, Coalición Galega e Galicia Sempre. E esta fin de semana darase a coñecer a incorporación dunha sexta formación.
Juan Carlos Piñeiro e Pachi Vázquez, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos Piñeiro e Pachi Vázquez, hoxe. (Foto: Europa Press)

Compromiso por Galicia (CxG) súmase ao Espazo Común Galeguista, a coalición de partidos impulsada polo que fora secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, para concorrer ás próximas eleccións galegas. Nunha rolda de prensa ofrecida esta sexta feira en Ourense, o fundador de Espazo Común deu a benvida a CxG ao proxecto, integrado por cinco partidos "integramente galegos". Prevese que esta fin de semana dea a coñecer a incorporación dunha sexta formación ao proxecto.

"Galiza necesita, como xa tivo nalgún momento, unha gran coalición de centro galeguista, con voz propia, cunha axenda galega que marque definitivamente o seu rumbo e nesas estamos", subliñou Vázquez. Na súa intervención, celebrou a incorporación de Compromiso por Galicia coa "vontade de achegar" e subliñou que se trata dun proxecto "realista" orientado para "sementar de cara ao futuro".

Con todo, Vázquez sostivo que afrontan o reto electoral con "moitas ganas e moita capacidade". "Unir seis formacións políticas cunha importante implantación local significa unha cousa moi positiva, que é posíbel conseguir consensos", afirmou. Ademais, puxo en valor o percorrido político de Compromiso por Galicia, que "dá proxección de futuro galego, de futuro europeo" a unha "ilusión de moitos homes e mulleres". "Ten que facer unha forza galega, galeguista e propia que equilibre ás grandes formacións políticas que ven só na Galiza un punto de paso cara a outros obxectivos", apuntou.

Pachi Vázquez sinalou que a coalición seguirá sumando nos próximos días a máis formacións. Todo iso, apuntou, con "luces longas". "Non estamos tan pendentes dun resultado electoral de proximidade, o futuro da Galiza é algo máis alá do próximo mes, son os próximos anos, e aí os galegos e galegas van atopar en nós un compromiso propio de país, centrado e equilibrado", dixo.

Pola súa parte, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, asegurou que a súa formación defende desde o seu nacemento "un entendemento de todas as forzas galeguistas no espectro de centro". Na súa intervención, lembrou que CxG iniciou a súa andaina en 2012 e que, ao longo deste tempo, foi capaz de facer acordos a "un lado e a outro do espectro político", "ocupando a centralidade". Nesta ocasión, aínda que sinalou que a formación valorou presentarse en solitario, considera que para dar resposta aos problemas estruturais da Galiza é necesario "ser xeneroso" e traballar nun "sistema de sumar".

Piñeiro dixo que se integran na coalición achegando os seus "cadros" e o seu "traballo". "Achegando a nosa representación municipal alí onde a temos co obxectivo de sementar unha iniciativa política que ten que ir enraizando, non porque sexa un capricho, senón porque é unha necesidade do país", afirmou.

Dito iso, dixo que estas eleccións "non consisten só en elixir entre "os dous grandes partidos e un partido nacionalista". "Hai outras opcións que teñen capacidade de decisión no país, imos tomar as decisións na Galiza, preocupándonos polos nosos problemas, pero cun profundo carácter europeísta e cun corte integrador", afirmou.

A coalición está formada por Espazo Común, Unidade Local, Compromiso por Galicia, Coalición Galega e Galicia Sempre. Ademais, esta fin de semana darase a coñecer a incorporación dunha sexta formación, tal e como sinalou o propio Pachi Vázquez a Europa Press.

Comentarios