Acto do BNG e de Galiza Nova

Soberanía e benestar social para superar unha constitución esgotada

Con motivo do 6 de decembro, día en que se conmemora o aniversario da constitución española, o BNG desenvolveu un acto en que reivindicou o dereito de Galiza a decidir e en que equiparou soberanía con benestar social.

unnamed-10

"Fronte á Constitución española, dereito a decidir e soberanía" foi o lema co que o BNG e Galiza Nova desenvolveu o acto que tivo lugar esta terza feira en Santiago con motivo da conmemoración do 6D. Na súa intervención, ao pé da estatua de Rosalía na alameda compostelá, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que “o actual réxime derivado da Transición está esgotado”, tal e como demostraron, dixo, a crise económica e oito anos de “políticas fracasadas”.

A tamén portavoz parlamentar do Bloque, que apelou ao feminismo no inicio do seu discurso, reivindicou poder “tomar o control dos nosos recursos e capacidades para garantir un futuro de benestar”. “Temos que aspirar a algo máis que a unha autonomía pírrica na que todas as decisións relevantes se tomen a centos de quilómetros”, afirmou. Apostou en “facer algo diferente”, “abrir un tempo novo que pase por que o pobo galego poida decidir libremente o seu futuro”.

Ana Pontón: "Tomar o control do cento por cento dos nosos recursos e utilizalos para xerar emprego e blindar os servizos públicos e benestar social"

Así, Ana Pontón reivindicou “tomar o control do cento por cento dos nosos recursos e utilizalos para xerar emprego e blindar os servizos públicos e benestar social”. E é que falar de soberanía, apuntou, “é falar das cousas de comer”. Puxo como exemplo evidente da necesidade de termos soberanía o caso da AP9, “hai unha posición unnamed-26unánime do Parlamento sobre o traspaso da AP9. Non hai ningún impedimento nin técnico nin xurídico. O Goberno español négase ao traspaso. Feijóo, en vez de presidente dunha nación digna, exerce de delegado do goberno”.

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG acusou o “Goberno de piratas” de estar “máis preocupado por savalgardar os beneficios obscenos da concesionaria da AP9 que dos galegos e galegas”. “Para iso tamén queremos soberanía: para que nunca máis un señor de Madrid nos veña a dicir e a impor o que podemos facer ou deixar de facer no noso territorio e coas nosas infraestruturas”, exclamou.

Marco Galego de Libre Decisión

Ana Pontón explicou que as solucións aos problemas da Galiza “non van vir de fóra”, “non van vir por pactos entre o PP e o PSOE, nin por reformas constitucionais pensadas e deseñadas desde Madrid”. “Como nacionalistas, defendemos o dereito a autodeterminación e a consecución dun Marco Galego de Libre Decisión”, salientou.

Ana Pontón: "Garantir o dereito á libre determinación das nacións sen Estado  non é problema de orde xurídica, é un problema de vontade política e democrática"

A dirixente do BNG lembrou que o dereito á autodeterminación “é un dereito universal e inalienábel, un dereito quen non precisa ser posivitizado polo ordenamento xurídico para consideralo vixente”. “O ordenamento xurídico pode tutelalo, amparalo ou regulalo, pero non recoñecelo. En calquera caso, garantir o dereito á libre determinación das nacións sen Estado como a nosa non é problema de orde xurídica. É un problema estritamente de vontade política e democrática”, engadiu. A este respeito, advertiu de que “o nacionalismo nunca foi excluínte”. “O único excluinte é esta constitución, que nos exclúe a nós, ate o punto de que nos nega como pobo”, expresou.

Ana Pontón reclamou, así, superar o “corsé constitucional” e que Galiza “se dote de instrumentos que lle garantan poder decidir sobre todos os aspectos que lle atinxan como nación”. Citou, entre outros exemplos, a recadación dos impostos xerados en Galiza a través dunha facenda galega ou a xestión directa das pensións ou da Seguridade Social, así como a ordenación dos sectores produtivos; a planificación dos servizos públicos; articular un deseño territorial, institucional e de administración de xustiza acorde ás necesidades do país, ou a presenza directa en instancias estatais, europeas e internacionais nos asuntos que lle afecten.

Galiza Nova apela a rachar coa constitución española

Neste acto tamén tomou a palabra o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, quen chamou a mocidade galega a rachar coa constitución española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, “unha constitución xusta, solidaria e que emane das galegas e dos galegos”. “Un marco xurídico que permita exercer o noso dereito de autodeterminación como nación libre no mundo”, subliñou.

Comentarios