Sanidade incumpre o mandato parlamentar sobre endometriose

Case 6 meses despois da aprobación da moción, o goberno galego "non fixo nada", denuncian desde querENDO. 

querENDO
photo_camera [Imaxe querENDO]

En abril de 2015 a Cámara lexislativa aprobou unha moción promovida pola asociación de Mulleres con endometriose (querENDO) e defendida pola deputada de AGE, Eva Solla, na Comisión 5ª de Sanidade. 

Na altura, o Parlamento instou por unanimidade á Xunta a impulsar medidas concretas que melloren a calidade de vida das doentes, a atención sanitaria que reciben e o coñecemento da enfermidade entre as equipais profesionais. E é que na Galiza cífranse en 60 mil as mulleres con endometriose. Porén, o noso país non conta mais que cunha unidade de atención específica, localizada en Vigo. O tempo medio en se diagnosticar sitúase en 8 anos o que complica os tratamentos.

No concreto Sanidade debía "difundir a Guía de coidados" redactada polo Ministerio español de sanidade e asuntos sociais á fin de mellorar a atención sanitaria que reciben as doentes de endometriose; crear grupos de traballo multidisciplinares para avaliar a posta en andamento dun plan de detección precoz da doenza; levar a cabo a creación de unidades de endometriose específicas nos hospitais públicos; e facilitar as derivacións incluíndo áreas sanitarias fóra de Galiza. 

Sanidade "non fixo nada"

Así as cousas, cumpridos cinco meses e medio daquel acordo institucional, desde querENDO puxéronse en contacto coa hoxe ex-conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para lle comunicar que "non temos novas de que se dese ningún paso por parte da Consellería de Sanidade para dar cumprimento en tempo ao que esa moción recollía", sinalan na misiva enviada. "Desaproveitados xa os primeiros 150 días dese tempo só nos queda depositar nos últimos 30 todas as nosas esperanzas", acrecentaban con retranca. 

"[O conselleiro] entenderá que non podemos poñer o contador a cero e agardar outros 6 meses".

Desde querENDO amosábanlle a Mosquera a súa disponibilidade para "colaborar [...] en todo canto se precise para mellorar a calidade de vida das mulleres con endometriose". 

Porén, case un mes após a comunicación remitida, o presidente da Xunta destituíu Mosquera e nomeou Jesús Vázquez Almuíña á fronte da carteira. "Dixémoslle á subdirectora coa que falamos que entendiamos que na consellería non se estarían vivindo momentos moi dóces pero que nós non renunciabamos a que se cumprise o que o parlamento aprobou por unanimidade", sinalaron desde a asociación através da súa conta de Facebook. Perante a inacción e as mudanzas, subliñan, "desexamos que teña moitos acertos na súa xestión. Iso si, entenderá que non podemos poñer o contador a cero e agardar outros 6 meses". 

Comentarios