Sanidade adxudicou 600 millóns de euros en contratos sen concurso nin publicidade

Contas fiscalizou as contratacións do Servizo Galego de Saúde. O PSdeG presenta unha interpelación no Parlamento sobre estas adxudicacións "a dedo".
Hospital Clínico de Santiago de Compostela. (Foto: Sergas)
photo_camera Hospital Clínico de Santiago de Compostela. (Foto: Sergas)

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) adxudicou de maneira directa e sen concorrencia nin publicidade 600 millóns de euros entre 2012 e 2019, segundo o último informe de fiscalización do Consello de Contas que cita o PSdeG nunha interpelación á que tivo acceso Nós Diario e que se leva á sesión plenaria do Parlamento galego que principia esta terza feira.

O Consello advirte no documento que o Sergas está a abusar dunha contratación "de forma directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados nos que [...] non existe expediente de contratación e, polo tanto, carécese de pregos que regulen a contratación".

O sistema elixido polo Sergas asigna de maneira directa un contrato —o modelo popularmente coñecido como "a dedo"—, evitando a publicidade e os procedementos de concurso. A interpelación presentada pola formación socialista apunta a que 85% destas actuacións desenvolvidas no conxunto da Xunta da Galiza corresponden ao Servizo Galego de Saúde.

O propio Consello de Contas recrimina ao Sergas a opacidade das súas contas e  a dificultade de sometelas a un control financeiro. "Continúa sen implantar un sistema integral de contabilidade tal e como esixe o Plan xeral de contabilidade pública da Galiza, limitándose a información rendida á de carácter administrativo-orzamentario, sen que se achegue o balance de situación nin a conta do resultado económico-patrimonial".

Prórrogas a empresas

O órgano fiscalizador tamén advirte sobre as "prórrogas" de  prestacións ou servizos contratados a empresas. Unha extensión que se fai "máis aló de toda prórroga legal posíbel, sen explicar os argumentos para iso e porqué se produce esta ilegalidade", segundo se recolle na interpelación.

"Por exemplo, o Sergas adxudica a unha empresa o subministro de xeringas aos hospitais por dous anos. Concluído ese prazo, e sen dar explicacións, Sanidade en vez de volver sacar a concurso o contrato, segue a manter ese subministro nesa empresa, sen dar explicacións", expón en conversa con Nós Diario o deputado socialista Julio Torrado, un dos asinantes da interpelación que agora chega ao Pleno do Parlamento galego.

30% do gasto "irregular"

Este proceder esténdese nunha parte significativa das prestacións ou servizos contratados. O Consello de Contas analizou unha mostra deste tipo de contratos e apunta que case 60% dos mesmos incorre nese tipo de proceder. Para a formación socialista, "esta ilegalidade provoca o uso irregular de millóns de euros". Indica, aliás,  que "o propio informe [do Consello de Contas] sinala que 30% do gasto" analizado por este órgano na mencionada mostra "é irregular e contrario á normativa contractual, da Lei de contratos do sector público".

O modelo de contratación aplicado polo Sergas ten sido albo de denuncias por parte do BNG e do PSdeG, que instaron en reiteradas ocasións á Xunta a que a contratación menor [aquelas que se adxudica directamente, sen concurso, para servizos ou suministros de menos de 15.000euros] sexa "excepcional" e non "estrutural". 

Comentarios