O Consello de Contas require "transparencia financeira" á Xunta da Galiza

O Consello de Contas lembra a necesidade de dar cumprimento á Lei de organización e funcionamento da Administración xeral na Galiza.
O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, e o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, na presentación do informe da Memoria del Consello de Contas, a pasada sexta feira (Foto: Europa Press).
photo_camera O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, e o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, na presentación do informe da Memoria del Consello de Contas, a pasada sexta feira (Foto: Europa Press).

O Consello de Contas vén de pedir á Xunta da Galiza "transparencia financeira" das entidades nas que sexa ou ben accionista ou ben socio de referencia, aínda que non posúa a maioría de capital social, co obxectivo de que estas entidades sexan sometidas a control e supervisión pública.

Trátase dunha nova recomendación recollida no informe de fiscalización do Consello de Contas, e que foi entregado polo conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, a pasada sexta feira ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, na Cámara.

Así mesmo, no informe recóllense as recomendacións aceptadas pola Xunta pendentes de aplicación, das que Contas fai a súa recompilación.

Así, lembra a necesidade de poñer en marcha o rexistro das entidades, prevista na Lei de organización e funcionamento da Administración xeral (Lofaxga), "tendo en conta o tempo transcorrido desde a súa entrada en vigor". Así mesmo, reclama que se estabelezan sistemas de identificación das entidades que poidan reunir os requisitos legais para ser considerados integrantes do sector público galego e dos entes adscritos.

Outras medidas pendentes son que se deposite no rexistro as contas anuais para a súa remisión ao ente fiscalizador e incluír na memoria dos organismos autónomos a información prevista no plan público, co fin de que poidan "explicar, comentar e ampliar a información" dos estados contábeis restantes.

Tamén falta por elaborar instrucións, guías e resolucións que desenvolvan a normativa contábel, en particular, desenvolver o formato e contido da información económico-financeira que deben achegar as entidades instrumentais, así como a información adicional que deben facilitar as entidades sometidas ao plan de contabilidade privado.

O informe lembra que falta por instar os entes instrumentais a fornecer información sobre o custo de actividades e indicadores de xestión como medio para avanzar na dirección por obxectivos e no control da eficiencia.

Adaptación de Estatutos

Entre as cuestións pendentes, atópase tamén instar aos consorcios e ás fundacións públicas nas que participe a Administración a que se sinale expresamente cal é a Administración de adscrición; así como ampliar ás restantes axencias, entidades públicas empresariais, fundacións e sociedades a participación da intervención xeral para que dean a contratación e seguimento dos traballos de auditoría de contas anuais.

Tamén, sinala o Consello de Contas, falta por actualizar a normativa de réxime financeiro e orzamentario en materia de control e someter a auditoría contábel as contas anuais dos organismos autónomos.

Comentarios