18-F

O PSdeG presenta unha ducia de propostas para lograr o "cambio real" na Galiza

Residencias a prezos xustos, unha sociedade pública de enerxía e a potenciación do banco de terras, entre as medidas de Besteiro

Besteiro, candidato do PSdeG a presidir a Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro, candidato do PSdeG a presidir a Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG presentou unha ducia de propostas para lograr o "cambio real na Galiza", entre as que sitúan un plan de choque para a sanidade, a creación de 20.000 empregos en catro anos e a posta en marcha de máis de 10.000 vivendas de protección pública entre 2025 e 2030.

Estas doce medidas, que recollen algunhas da propostas coas que o aspirante socialista a liderar o Goberno galego, José Ramón Gómez Besteiro, concorre ás eleccións do próximo 18 de febreiro, pódense ler nun folleto que a formación socialista reparte nos mitins como o que tivo lugar o pasado sábado en Silleda (Deza).

Aínda que algunhas destas promesas xa foron avanzadas polo candidato nalgúns dos seus actos, prevese que a formación presente proximamente este dodecálogo completo de políticas no marco da campaña electoral.

En sanidade, Besteiro comprométese a pór en marcha un plan de choque para reducir os tempos de espera e ter a atención dun médico nun máximo de 48 horas nos centros de saúde. Ademais, reforzará a pediatría e a saúde mental e creará unha rede de residencias públicas para maiores a prezos xustos.

Os socialistas implantarán a gratuidade dos libros de texto na educación obrigatoria para axudar as familias e favorecer a igualdade de oportunidades. Tamén apostará pola investigación e a innovación cunha nova Lei de Ciencia no primeiro ano e creará unha Consellaría de Universidade, Ciencia e Innovación.

En materia económica, o socialista creará 20.000 empregos en catro anos e poñerá en marcha un plan para fixar poboación no territorio e aproveitar o talento que sae da Formación Profesional dual e das universidades.

Reindustrialización e potenciar o banco de terras

Besteiro avoga pola reindustrialización da Galiza e a posta en marcha dunha sociedade pública de enerxía que faga do país unha potencia enerxética verde e distribúa parte dos beneficio nas comunidades locais.

En vivenda, construirá máis de 10.000 vivendas de protección pública entre 2025 e 2030 e impulsará un parque público en aluguer con prezos taxados e alcanzables.

En canto á agricultura, o político socialista aposta por potenciar o banco de terras para activar a superficie agraria e apoiará a transformación dos produtos do campo, garantindo o incremento do seu valor para a industria. Tamén impulsará a cadea de valor de transformación de produtos pesqueiros e de acuicultura, apoiando a relación mar/industria e fomentará o consumo de produtos do mar

Besteiro comprométese a camiñar cara á gratuidade da autoestrada AP-9 e da AP-53, que chega de Santiago a Ourense.

Entre as doce medidas inclúese a posta en marcha dun plan de apoio ás industrias culturais e á internacionalización da cultura galega. Así, potenciará os sectores culturais creativos, a industria audiovisual e o patrimonio. Ademais, elaborará un catálogo de servizos para garantir o acceso á cultura tanto no rural como no urbano.

Por último, comprométese a democratizar os medios públicos e a poñer fin á "manipulación informativa".

 

Comentarios