Sánchez, sobre a reforma laboral: "Non haberá acordo se non cedemos todos"

O Goberno estatal segue a procurar apoios de cara á votación no Congreso do decreto da reforma laboral. Após recibir o 'non' das forzas soberanistas, Ciudadanos postúlase como alternativa para sacar adiante o texto.
Pedro Sánchez, no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez, no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, reclamou esta sexta feira o apoio de todos os grupos parlamentarios para validar no Congreso o decreto da reforma laboral, incidindo en que non caben as imposicións e todos deben ceder en algo para facilitar o que é "un bo acordo para o Estado español".

"Pido formalmente o apoio de todos os grupos parlamentarios á convalidación da reforma laboral", dixo Sánchez, durante o Comité Federal do PSOE en Madrid, incidindo en que o acordo entre sindicatos e empresarios e entre os axentes sociais e o Goberno é "un acordo de país".

"Cada grupo terá algunha obxección, é evidente", recoñeceu, subliñando que tamén as teñen a patronal, os sindicatos e o propio Executivo. Porén, advertiu, "non haberá acordo se non cedemos todos en algo", porque o contrario sería "imposición", que foi "o que houbo co PP durante os seus oito anos de goberno".

En opinión de Sánchez, se a oposición non apoia a reforma laboral deberá explicar "se se resiste a defender os intereses dos empresarios e dos traballadores" e "que pon por riba dos intereses de España".

"Pedimos a todas as forzas políticas que se sumen ao acordo, que arrimen o ombreiro, porque hai argumentos e razóns dabondo para defender este acordo", insistiu, procedendo a continuación a repasar algunhas desas razóns.

Neste senso, sostivo que o acordo alcanzado "representa a ampla maioría dos españois, moi por riba das súas ideoloxías", e que "sitúa no centro do noso modelo laboral a negociación colectiva e, por tanto, o diálogo e o acordo entre empresarios e traballadores, e sobre todo a dignificación das condicións laborais".

Bildu pide negociar mudanzas no decreto

Pola súa parte, o deputado de EH Bildu no Congreso Oskar Matute exixiu ao Goberno estatal que se poña en contacto co seu grupo para negociar "mudanzas" na reforma laboral.

"PSOE e Unidas Podemos non deben esquecer que o seu goberno ten 155 votos e precisa de 176 para obter a maioría absoluta, e neses 176 o concurso do soberanismo e do independentismo de esquerdas é fundamental", sostivo.

Bildu anunciou esta mesma semana que formaría unha "fronte común" con BNG e ERC contra a "decepcionante" reforma laboral. De feito, o 'non' dos tradicionais socios de goberno de PSOE e UP podería levar Sánchez a procurar o apoio de Ciudadanos, cuxa líder, Inés Arrimadas, está disposta a negociar.

Comentarios